Bugallo promete que fomentará o cohousing para evitar a soidade na terceira idade

Propón a creación de vivendas en solo de propiedade municipal no barrio do Castiñeiriño.

Bugallo na XXIV edición da Festa dos Maiores

Bugallo na XXIV edición da Festa dos Maiores / Antonio Hernández

Redacción

Coincidindo co día da Festa dos Maiores no marco da Ascensión na que participaron arredor de 2.000 persoas maiores e xubiladas, Sánchez Bugallo propón a creación de vivendas colaborativas, seguindo o modelo do cohousing para previr a soidade na terceira idade: “crearíamos un edificio, que pode ser de titularidade compartida entre múltiples propietarios, no que cada persoa disporía do seu propio espazo, pero cunha serie de servizos comúns compartidos”. Con comedor, lavandería, ximnasio ou un salón de usos múltiples, o bloque de apartamentos podería instalarse na zona do Castiñeiriño onde, segundo explica o alcalde, o Concello dispón de varias parcelas válidas para esta finalidade. De feito, Sánchez Bugallo recorda que noutros mandatos “fixemos experiencias con Cogami, cedendo parcelas para abrir centros especializados en persoas cun determinado tipo de discapacidades funcionais”.

Actualmente en Santiago, segundo explica o propio alcalde, preto do 24% dos habitantes ten máis de 60 anos, “e unha porcentaxe moi elevada, maioritariamente mulleres viven soas”. Serían arredor de 5 mil as persoas que viven en soidade, algo que, analizadas as tendencias, “é probable que vaia en aumento chegando ás 7 ou 8 mil persoas”.

Ante esta realidade, o alcalde insiste en que “o conxunto da sociedade debe arroupar a tódalas persoas” porque “ninguén debe sentir que vive só en Santiago”, polo que é imprescindible “crear puntos de encontro que promovan actividades para ter un envellecemento activo” explicou.

Novos centros no Ensanche, Fontiñas e Casco Histórico

O alcalde proxecta ademais a construción de dous centros de día, un na cidade histórica, para o que xa se procurará a cesión de algún inmoble propiedade da igrexa; e outro no barrio das Fontiñas.

A estes dous súmaselle o centro de día e atención polivalente do Ensanche para o que xa se conseguiu a cesión ao Concello do local da antiga Tesourería da Seguridade Social na rúa de San Pedro de Mezonzo. “Do que se trata é de combater a soidade non desexada, promover a realización de actividades na procura de relacións sociais”, todo “para lograr un envellecemento activo” concluíu o alcalde.