Un equipo da USC busca novas terapias para a abordaxe de enfermidades propias do envellecemento

O grupo do CiMUS estuda as modificacións químicas do ARN asociadas ás patoloxías da idade e intenta revertelas ou neutralizalas co uso de fármacos // O envellecemento é o maior factor de risco para a maioría das enfermidades humanas, como os trastornos cardiovasculares e metabólicos, o cancro e os procesos neurodexenerativos.

O grupo de investigación do CiMUS que estuda as modificacións químicas do ARN asociadas ás patoloxías da idade

O grupo de investigación do CiMUS que estuda as modificacións químicas do ARN asociadas ás patoloxías da idade / USC

ECG

O estudo das modificacións químicas dos ARNs, presentes en todos os organismos, é esencial para avanzar no coñecemento das enfermidades asociadas ao envellecemento como é o caso da síndrome metabólica, problemas cardiovasculares ou a deterioración neuro-cognitiva, entre outras. Agora, un equipo do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), liderado por Diana Guallar, acaba de conseguir financiamento para examinar os ARNs cuxas modificacións son alteradas co envellecemento; e explorar a modulación farmacolóxica destas marcas reversibles como unha nova terapia para mellorar a calidade de vida durante esta etapa. A investigación conta co financiamento dunha bolsa da Fundación Ramón Areces.

O traballo da USC foi un dos 19 recoñecidos en toda España na última convocatoria do concurso de Axudas á Investigación en Ciencias da Vida e da Materia. En total, a entidade destina preto de 130.000 euros a esta investigación galega sobre as modificacións químicas dos ARNs asociadas á lonxevidade. “Aínda que en estudos recentes a regulación destas marcas químicas reversibles veu relacionándose coa idade noutros organismos, debido á súa complexidade, en mamíferos non se coñece con exactitude o papel que xogan. E é aquí onde se nos abre un horizonte prometedor cara a novas terapias”, asegura Diana Guallar.

Reescribir o ARN

Os ARNs modifícanse quimicamente en todos os organismos, dende os fermentos ata os humanos, e estas modificacións poden afectar a todas as etapas do metabolismo do ARN, dende a súa estabilidade ata a súa localización ou potencial de codificación de proteínas. Demostrouse que estas marcas desempeñan funcións chave no desenvolvemento embrionario, a adaptación ao estrés e as respostas inmunitarias innatas, entre outras. De feito, as modificacións de ARN están máis preto das nosas vidas do que podemos imaxinar, xa que un aspecto clave das vacinas de ARNm contra a COVID-19 foi a modificación química nestes ARNs para aumentar a súa eficacia.

Debido ao continuo aumento da esperanza de vida nas sociedades occidentais, o envellecemento é o maior factor de risco para a maioría das enfermidades humanas, como os trastornos cardiovasculares e metabólicos, o cancro e os procesos neurodexenerativos

A pesar de que a regulación epitranscriptómica está a empezar a ser asociada coa lonxevidade e o envellecemento en vermes e fermentos, en mamíferos non se coñece con exactitude o papel que xogan estas modificacións químicas do ARN. Por iso, “o proxecto que levamos a cabo proponse examinar os ARNs cuxas modificacións son alteradas co envellecemento, e explorar a modulación farmacolóxica destas marcas reversibles como unha nova terapia para mellorar a calidade de vida durante o envellecemento”, sostén a investigadora da USC.

Nova era de investigación

Guallar admite que, a pesar da gran cantidade de estudos realizados ata a data sobre o envellecemento, “a súa complexidade intrínseca ten dificultado o desenvolvemento de estratexias clínicas de éxito para contrarrestalo. Dado que a metilación do ARN é reversible, propón levar a cabo a disección da “combinación mínima de moduladores epitranscriptómicos que poderían usarse para reverter as características do envellecemento”. Inmersos nunha nova era de investigación sobre modificacións do ARN, “este proxecto pretende dilucidar novos mecanismos subxacentes ao envellecemento, proporcionando novos biomarcadores e estratexias para abordar esta inevitable consecuencia da vida”, explica.