“As cifras da delincuencia sexual están a aumentar de maneira exponencial”

Para a xuíza é consecuencia “do consumo tan temperá de pornografía así como da falta dunha correcta educación emotivo-sexual

Ana López-Suevos durante a conferencia impartida onte no Ateneo

Ana López-Suevos durante a conferencia impartida onte no Ateneo / JESÚS PRIETO

O Ateneo de Santiago celebrou onte un novo Luns do Ateneo cunha conferencia impartida pola maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago, Ana López-Suevos. O título da súa disertación era Problemática da delicuencia sexual en España, mais a xuíza tamén quixo tratar o positivo e o negativo da coñecida Lei de ‘Só si é si’ (Lei Orgánica 10/2022). En conversa con este diario a maxistrada do Poder Xudicial dende 1997, Ana López-Suevos, que trata entre outros os delitos sexuais, destacou que este tipo de delicuencia está en aumento no conxunto do Estado pero tamén en Compostela onde “dende 2017 facilmente se duplicaron as cifras”, comentou, “xa que se trata dun aumento exponencial”. A causa deste crecemento da delincuencia contra a liberdade sexual é para a xuíza consecuencia “do consumo tan temperá de pornografía así como da falta dunha correcta educación emotivo-sexual”.

“Cando falo da necesidade desta educación non me refiro a ensinar a utilizar un preservativo senón a explicar que é o consentemento”, afima López-Suevos que se refire especificamente á submisión química, “débese entender que manter relacións sexuais con alguén que estea inconsciente ou pouco consciente por causa de embriaguez é un delito moi grave”.

En relación con este tipo de violencias a xuíza recalca que “vivimos unha sexualidade centrada no masculino e que é ademais totalmente depredadora e tamén hai que explicar que existe unha sexualidade feminina”. Arredor desta cuestión e da Lei de ‘Só si é si’, López-Suevos, non quixo entrar a valorar con EL CORREO o positivo e o negativo que ela ve na norma, “así como algunha cousa que boto en falta” porque toda a polémica e as revisións de sentenzas “xeran alarma social e xa causaron bastante sufrimento ás vítimas”. O que si fixo a maxistrada López-Suevos foi opinar que ve “certa irresponsabilidade” en canto ás consecuencias que a reforma pode ter para as persoas que sufriron esta violencia.

Na conferencia, a maxistrada expuxo, alén da problemática do aumento deste tipo de delitos, as medidas que se deben adoptar para tratar de reverter esta situación, ademais de explicar o Protocolo de delitos sexuais do partido xudicial de Santiago, un documento que ela mesma coordinou. O Protocolo pretende ser un instrumento para a sistematización dos procedementos dos distintos operadores implicados na atención das vítimas de violencia sexual, e foi aprobado en decembro de 2021 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Segundo un informe do Ministerio do Interior, as denuncias por delitos sexuais aumentaron un 34% en 2022 con respecto ao ano anterior. Comparándoo co ano 2019, previo á pandemia da Covid-19, este tipo de agresións incrementáronse nun 53,2%. No caso de Santiago, celebráronse entre 2021 e 2022 unha vintena de xuízos por agresións sexuais, nos que 16 persoas foron condenadas, un 80% do total.

Á vista da Memoria do TSXG correspondente ao ano pasado, en todos os casos os acusados foron homes e un 90% das presuntas vítimas foron mulleres ou nenas que na maioría dos casos tiñan, ademais, relación previa co seu agresor que “case sempre forman parte do círculo familiar”, reza a memoria. O documento tamén indica que en 2021 as audiencias provinciais galegas “axuizaron 89 persoas, practicamente as mesmas que en 2022, por delitos contra a liberdade sexual sobre 108 presuntas vítimas, 75 das cales, é dicir, o 70%, eran menores de idade e delas, foron condenadas o 71%, fronte ao 73,2% de 2022”.

O acto, que se desenvolveu ás 19.30 horas na sede de Afundación, foi de acceso libre até completar a capacidade da sala.