“Imos na boa liña coa reciclaxe na hostalaría, pero aínda é insuficiente”

Terrazas da zona vella cheas de turistas e composteláns nun día soleado

Terrazas da zona vella cheas de turistas e composteláns nun día soleado / jesús prieto

Incentivar a sostibilidade nos establecementos hostaleiros da cidade é o obxectivo da campaña que está levando a cabo este mes a Asociación Empresarial da Restauración, Aloamento e Turismo de Compostela e Comarcas Hostalaria.gal co fin de promocionar a utilización de produtos de proximidade, a eficiencia enerxética, a xestión de residuos e a dixitalización. Santiago é unha cidade turística, de servizos, e a hostalaría ten un peso moi importante na cidade e na economía. “Se se está falando de cidades sostibles e de proxectos de economía circular viamos como unha cuestión imprescindible iniciar un proceso pedagóxio de información, de empezar a falar de certas cuestións”, sinala en conversa con este medio o presidente de Hostalaria.gal, Lois Lopes.

Do que se trata é de ir introducindo novos termos, facer pedagoxía e intentar concenciar e conseguir melloras nos establecementos a través das visitas que están facendo aos mesmos, onde lle entregan a documentación da campaña e explicánlle polo miúdo en que consiste e os aspectos básicos. A campaña comezou o pasado luns 5 de xuño e estenderase ata finais de mes.

Dende Hostalaria.gal están a falar de termos que consideran fundamentais nas vidas diarias. Destacan o termo reutilización máis que reciclaxe e valoran que “o idóneo é a eficiencia e a eficacia, e non o consumo de por si”. Isto último aplicado á cuestión enerxética, coa campaña tratan de dar unhas claves para incidir nunha cuestión económica de aforro e, a maiores, “colaborando cun mundo máis sostible”.

Tras as primeiras visitas aos establecementos hostaleiros dende a asociación aprecian que hai persoas máis concienciadas que outras na xestión sostible e que xa levan tempo nesta liña, pero hai outras que aíndan non se sumaron. “A hostalaría leva tempo levando a cabo este tipo de iniciativas e colaborando nesta liña. No momento en que se comezou a reciclar o vidro e o cartón e, a posteriori, os envases plásticos significa que vamos nunha boa liña, pero consideramos que é insuficiente”, indicou.

Lois Lopes valora de positiva a recepción dos hostaleiros “no momento en que nos sentamos a falar con eles”. Tratan de pasar polos lugares a horas que os poidan recibir. “Decímoslle que son cinco minutos, pero é verdade que nalgún local estamos media hora porque o propio hostaleiro ten preguntas que facer. Explicámoslle aquelas cuestións que nós xa controlamos e vámolos poñendo en contacto con servizos que temos dende a propia asociación ou ben externos”, declara.

Paralelamente estanse a realizar actividades de formación gratuítas para as persoas empresarias hostaleiras nas que participan expertos nos distintos eixos sobre os que se artella a campaña. Estas charlas informativas son retransmitidas de xeito online desde a canle de Youtube de Hostalaría.gal. A primeira celebrouse o pasado día 7 baixo o título de “Produto local nunha economía circular” e tivo como conferenciantes a Carmen Freire, enxeñeira agrícola e exsecretaria xeral do Sindicato Labrego Galego e a André Arzúa, chef e xerente do Espazo abella.

A segunda, “Xestión de residuos” celebrouse o día 12 da man de Manuel Soto Castiñeira, catedrático de Enxeñería Química na Universidade da Coruña e vogal de residuos da asociación Adega, da que foi presidente. Este martes, o enxeñeiro industrial superior, Fernando Coutado Vila, ofreceu unha conferencia sobre “Eficiencia enerxética”. A última actividade virtual será o vindeiro martes e tratará sobre “Dixitalización” coa intervención de Diego Abreu Martínez, media buyer.

“Convocar unha xornada deste tipo, un día e a unha hora concreta e que os asistentes sexan un número significativo, é complexo”, asegura. Por este motivo, optaron por un formato online co fin de ter gravadas as intervencións e que “se poidan visualizar a posteriori por calquera persoa, e non só por parte do sector hostaleiro, porque ao final as cuestións son aplicables a outros sectores”.

Para Hostalaria.gal esta iniciativa é un punto de partida. “Quedan moitas campañas, moita pedagoxía e moita información por dar, ademais de ter que resolver moitas dúbidas” considera o seu presidente, ao que engadiu: “Cremos que para o sector é importante que se involucren as organizacións e colectivos que forman parte do mesmo porque será máis eficaz ca se se contrata un servizo externo”. Se ben é consciente, neste punto, que hai que ter presente a capacidade e os recursos dispoñibles. Para iso contan co apoio do Plan de Sostibilidade Turístico do Concello de Santiago, que conta con fondos do Ministerio de Industria, Comercio, e Turismo e da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia.

O Plan de Sostibilidade Turística de Santiago

Colas para entrar en la Catedral en Santiago este domingo

Colas de turistas y peregrinos para entrar en la Catedral este domingo en Santiago / Antonio Hernández

Dende a xerencia da Oficina de Plan de Sostibilidade Turística de Santiago sosteñen que a misión do Plan de Sostibilidade Turística nun destino como Santiago “busca conciliar o potencial do desenvolvemento económico cos intereses da cidade e das persoas”.

“Hai que seguir potenciando o turismo con compoñente de sostibilidade respetuosa para obter un turismo de calidade. Hai que ter en conta que Santiago ten moita oferta turística, ademais do casco histórico, o que axudaría a distribuír fluxos de persoas”, comentou.

Valoran que a sostibilidade ten que formar parte do día a día das hostalaría con accións formativas. “Toca evolucionar na xestión de residuos, para poñer en valor a economía circular, na eficiencia enerxética, que en parte xa se está facendo polo aumento dos costes de enerxía, e na dixitalización”, aportan. Todos estes conceptos son os principais eixes de sensibilización e formación en sostibilidade.