Entrega de diplomas ao alumnado participante no oitavo proxecto ‘Mentoring’

O programa da USC busca mellorar o acceso do alumnado ao mercado laboral

Acto de entrega de diplomas en Fonseca / SAnti Alvite

Acto de entrega de diplomas en Fonseca / SAnti Alvite / rEDACCIÓN

Redacción

Na xornada de onte, o Salón Nobre de Fonseca acolleu a clausura e entrega de diplomas da oitava edición do proxecto ‘Mentoring’ da Universidade de Santiago (USC). Un programa no que participaron 78 alumnos e 94 mentores e cuxo obxectivo é poñer en contacto os novos licenciados con profesionais experimentados na procura de mellorar o acceso dos estudantes ao mercado laboral.

O proxecto Mentoring dividiuse en dúas fases, unha primeira con diversas accións formativas, dirixidas ao alumnado, como a elaboración dun currículo por competencias, o deseño e creación dun plan de acción ou a xestión de redes sociais para a busca de emprego. Ademais destas accións formativas, tamén se desenvolveu a xornada de networking para mentores baixo o lema ‘Intelixencia conversacional no Mentoring’.

Na segunda fase, o programa propúxolle a cada estudante o mentor máis axeitado ao seu perfil, en función da área formativa do alumno e sos seus intereses e obxectivos. Trátase de que os mentores faciliten coñecementos da súa área de traballo ou información sobre alternativas profesionais, alén de clarificar dúbidas sobre a profesión, ofrecer apoio para a definición do obxectivo profesional e de itinerarios formativos, e facilitar coñecementos específicos e prácticos.

A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, presidiu este acto de recoñecemento no que tamén participaron Alba Varela Rodríguez, alumna do mestrado de Psicoloxía Xeral Sanitaria e participante no Mentoring, que interveu en representación do alumnado; e, en representación dos mentores tomou a palabra, Julio Martínez Rumbo, project manager no Cluster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA), mentor, colaborador do programa.

Pilar Murias pronunciou unhas palabras de recoñecemento, para estudantes e mentores que participaron neste programa, que definiu como “unha das xoias da USC” e no que, ao longo de oito edicións, levan participado uns 800 estudantes. A vicerreitora subliñou o compromiso da USC “cunha formación plena” e reflexionou sobre a incerteza que carrexa o terreo profesional cando se acaba de cursar unha titulación. “Non somos conscientes de todo o que nos brinda o mundo laboral”, dixo Pilar Murias, para despois destacar que o estudantado do Mentoring “sae da súa zona de confort” e “explora camiños que non tiña en mente”.

A vicerreitora estivo acompañada na mesa polas orientadoras da Área de Orientación Laboral e Emprego da USC, Charo García Gancedo e Puri Torrente Sánchez, mentres que Nuria Rey Quintás foi a encargada de ler os nomes de estudantes e mentores durante a entrega de diplomas.