actividade asistencial

CIG-Saúde critica a falta de información nas obras do Gil Casares e a xerencia da área desmínteo

O sindicato asegura que a día de hoxe seguen se ter resposta á súa solicitude para coñecer o proxecto de reforma

Desde a área sanitaria indican que as obras terán tres meses de duración e que se desenvolverá en dúas fases para permitir a actividade asistencial con todas as garantías

Panorámica do hospital Gil Casares de Santiago. A unidade de Psiquiatría ocupa o primeiro andar do edificio

Panorámica do hospital Gil Casares de Santiago. A unidade de Psiquiatría ocupa o primeiro andar do edificio / Sergas

ECG

CIG-Saúde vén de denunciar a irresponsabilidade da xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza pola falta de información á representación dos traballadores sobre a xestión e planificación das obras nos distintos servizos, os peches de camas ou de centros de saúde. O pasado 26 de maio, a CIG remitiu un escrito solicitando información ante a gravidade da situación na unidade de hospitalización de agudos de psiquiatría do Gil Casares, provocada polo desprendemento do teito e as deficiencias estruturais do inmoble. Na súa solicitude pedían coñecer o proxecto de reforma do tellado e dos distintos cuartos do servizo de agudos de psiquiatría, a planificación e reorganziación dos profesionais e persoas usuarias e unha análise de como as obras repercuten nas que están pendentes de ingreso así coma o informe técnico estrutural do edificio e das distintas instalacións. Ao respecto o sindicato manifesta que a día de hoxe seguen sen ter contestación.

Ao respecto, dende a área sanitaria indican que se veñen de iniciarse as obras de reforma integral na planta de hospitalización psiquiátrica do Hospital Gil Casares. Trátase dunha reforma que terá unha duración duns tres meses e un custo de 300.000 euros, a través da cal se renovará a instalación eléctrica, a fontanería, a carpintería, calefacción ou pintura, entre outras melloras das habitacións e os baños.

“Dita actuación desenvolverase en dúas fases para permitir a actividade asistencial nesta planta con todas as garantías de seguridade tanto para doentes como traballadores, cuxos mandos intermedios foron informados da evolución da planificación”, indican nun comunicado. A maiores, apuntan a que o verán é a época do ano con menos presión asistencial de ingreso hospitalario, “de aí a importancia e urxencia de que se podan realizar agora, no período vacacional, causando o mínimo impacto asistencial, como de feito se está a constatar”.