“Vexo ben a iniciativa Alba de Compostela, creo que a Corporación está no seu dereito”

O presidente da Fundación Castelao apoia o acto institucional municipal do 25 de xullo porque “todos os concellos teñen un evento para honrar as súas personaxes distinguidas”

Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao / Xoán Álvarez

Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao / Xoán Álvarez / Ana Triñáns

O vindeiro 25 de xullo cúmprense 75 anos do discurso pronunciado por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en Bos Aires para conmemorar o Día de Galicia. Aquel alegato do político exiliado, o derradeiro que proferiu, leva por nome ‘Alba de Gloria’, de onde toma a súa denominación o acto insitucional municipal que anunciou a alcaldesa, Goretti Sanmartín para o Día do Apóstolo, ‘Alba de Compostela’ e co que se premiará a traxectoria de persoas e entidades compostelás. Un evento que ten en contra, dende que se fixo público, á oposición da Corporación local, e sobre o que EL CORREO conversou co presidente da Fundación Castelao, o historiador Miguel Anxo Seixas.

O autor da obra Castelao. Construtor da nación, amósase favorable á realización deste evento por diversas razóns, porque “este é un ano importante” polo aniversario da ‘Alba de Gloria’ “e creo que o Concello foi consciente disto”, e tamén asegura que “todas as corporacións do mundo teñen un acto para honrar as súas personaxes distinguidas, vivas ou mortas. Ao mellor se pode pensar por que se escolle a un e non a outro, pero sería bo que a oposición fixese achegas, porque un evento así é algo que debe de unir”.

Unha alianza que até o de agora non se está a dar entre goberno e oposición, pois mentres Goretti Sanmartín asegura que se enviou a proposta de galardoados aos grupos da oposición “para que fagan achegas”, dende PP e PSOE insisten en que o 25 de xullo non é a mellor data. “Santiago xa ten un acto propio, a Ofrenda ao Apóstolo”, explicaba estes días o edil popular José Manuel Constenla; e o portavoz socialista Gonzalo Muíños insistía en que se trata dun “acto sen consenso para tapar o plantón (da alcaldesa) á Ofrenda”.

Miguel Anxo Seixas reafírmase en que “é ese o día, o 25 de xullo, que facemos se non? Facémolo en diferido? As cousas son cando son” e lamenta que se estea a dar esta situación cunha personaxe como é Castelao e “un evento inspirado na Alba de Gloria”. O presidente da fundación, non ve mal ningún no dito acto agás “que se faga un uso partidista” pero arredor da polémica goberno-oposición considera que “non é máis que guerra partidaria”.

Un “conflito” entre formacións que nos últimos días foi máis alá da idoneidade da data ou da recriminación á alcaldesa pola súa decisión de non asistir á Ofrenda. Tanto populares coma socialistas aféanlle ao Goberno local a “precipitación” coa que se organiza este acto que segundo reiteran “non conta con consenso” xa que ten en contra a 17 dos 25 edís que compoñen o Pleno municipal. Algo que xa mencionara a alcaldesa de Compostela na roda de prensa na que se referiu á organización deste acto “propio municipal, que co tempo será referente en Santiago no día da súa festa”, afirmaba entón. “Un evento de recoñecemento que este ano”, dicía Sanmartín o 3 de xullo, “non dará tempo a que siga o Regulamento de honras e condecoracións pero logo si”.

José Antonio Constenla, que cualificou a ‘Alborada de Compostela’ como “aquelarre nacionalista” explicaba nos últimos días que o acto lles parecía ben aos populares “madurándoo con tempo e buscando outra data con todos os grupos”. O portavoz do grupo popular, Borja Verea, insistía nesta idea de “ocorrencia do BNG” e instaba a Sanmartín a “seguir os cauces institucionais”, en referencia a que a proposta de homenaxeados non pasara polo órgano consultivo correspondente, o Consello de condecoracións. A este respecto, o presidente da Fundación Castelao denegou expresarse, afirmando que “descoñezo o regulamente interno municipal, eles verán se é lícito, que supoño que o saberán, que terán un asesoramento xurídico”.

Algo máis contundente mostrouse Miguel Anxo Seixas ao falar da premura na organización do acto. “Igual houbo algo de precipitación, coas eleccións en maio, pero Castelao é alguén que une en Galicia, coido que ninguén o discute”. Para Seixas, as numerosas actividades do 25 de xullo explican que non todo se centre no aniversario de Alba de Gloria, e tamén por iso lle recoñece “o mérito” á Corporación, “a cidadanía deulle o poder a Goretti Sanmartín e ela ten que gobernar e tomar decisións”, explicaba en coincidencia coa concelleira de Capital Cultural, Miriam Louzao, que o mércores utilizaba as mesmas palabras para resolver a polémica e indicar que “non dá máis de si”. “Estamos a traballar no acto, a xunta de portavoces ten a información, a única crítica é o día, pero tomando como referencia al Alba de Gloria, non ten sentido facelo outro día”, concluía Louzao.

“A cidadanía deulle o poder a Goretti Sanmartín e ela agora ten que gobernar e tomar decisións”

Á pregunta de se se buscaba unha analoxía ou a simboloxía do que significou Castelao como político e o que significa Goretti Sanmartín como primeira alcaldesa nacionalista da cidade, Seixas responde con firmeza que “pode ser que haxa esa intencionalidade... Cada rexedor ten que deixar a súa pegada, non ten que ser de Carbono nin ensuxar, pero ten que deixala”.

RUEDA NON ASISTIRÁ Á ALBA DE COMPOSTELA

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comunicou na súa comparecencia ante a prensa, logo do Consello da Xunta, que non ten intención de asistir á Alba de Compostela. O presidente respalda esta decisión en que cre que o evento vai coincidir co resto de celebracións previstas para o 25 de xullo pola mañá. A onde si acudirá, como delegado rexio, o presidente da Xunta é á Ofrenda ao Apóstolo . Rueda considera que a alcaldesa de Santiago “se equivoca” na súa decisión de non formar parte dos actos litúrxicos e afirma que “hay que representar a los que te votan y a los que no te votan”, destacando que é algo que tamén están a dicir os socialistas, que lle facilitaron a alcaldía a Goretti Sanmartín, “la menos votada de la historia de Santiago”.