Alba de Compostela | Recoñecemento de Raxoi ao "sustrato do futuro" de Santiago

Nun teatro ateigado de xente, o concello de Santiago homenaxeou a súa cidadanía outorgando a Alba de Compostela a Daniel Lorenzo, Rosa Álvarez, Ánxeles Porto e aos equipos femininos do Hóckey Club Raxoi

O acto, presentado pola xornalista Marga Pazos, comezaba no Teatro Principal pasadas as 13.15 deste martes cun sonoro aplauso das persoas asistentes e música de gaita e tambor. Logo dun repaso audiovisual pola historia da cidade e os personaxes históricos que formaron parte dela, de Prisciliano ao Mestre Mateo, a alcaldesa Goretti Sanmartín foi chamando os homenaxeados neste primeiro Alba de Compostela, coincidindo co 75 aniversario do Alba de Gloria, o famoso discurso que deu Castelao un día coma hoxe de 1945 desde o exilio en Bos Aires. As persoas recoñecidas nesta edición recolleron de mans da alcaldesa un Constellattio, disco de prata representando a lúa, que ten incrustada a constelación Canis Majoris coa súa estrela principal Sirius, a más brillante da Vía Láctea e guía do Camiño de Santiago.

A primeira en subir a recibir o recoñecemento foi Ánxeles G. Porto, máis coñecida coma Angi, propietaria do Pub Borriquita de Belém e da AC Cidade Vella que destacou a "sensibilidade que hai de pensar que podemos ser merecedoras da Alba de Compostela". Angi fixo referencia ao festival Feito a Man, que este ano cumpre o seu vixésimo aniversario e asegurou que "dende a AC Cidade Vella defendemos un modelo de cidade integrador, dinámico e creativo". "Conten con nós que nós contamos con vostedes", concluíu.

Acto do Alba de Compostela 2023

Ánxeles Porto, 'Angi', recolle o seu recoñecemento no acto do Alba de Compostela 2023 de mans da alcaldesa

Subiron a continuación ao escenario as xogadoras dos equipos femininos do Hóckey Club Raxoi e o seu director Antonio Blanco encargouse de agradecer a distinción "levamos máis de 30 anos apostando polo hóckey", aproveitando para solicitar unhas instalacións dignas. "Seguiremos a apostar polo deporte feminino".

Pola súa banda, a psicóloga Rosa Álvarez sinalou na súa quenda que "esta Alba de Compostela é tamén de Vite", un recoñecemento "dos nenos que hai 30 anos, sen ter nada, construíron cidade, construíron Compostela".

A psicóloga Rosa Álvarez, recollendo a súa distinción no Alba de Compostela

A psicóloga Rosa Álvarez, recollendo a súa distinción no Alba de Compostela / Jesús Prieto

En cuarto lugar, recolleu o agasallo Daniel Lorenzo, presidente da Fundación Catedral que, no seu discurso fixo unha firme defensa do culto pastoral e patrimonial para manter a viveza das tradicións "para os fieis e para todos aqueles que queren afondar na súa espiritualidade ou na beleza patrimonial".

A alcaldesa Goretti Sanmartín pechou o acto afirmando que "querérmonos como concello é o obxectivo único deste acto" fóra de intereses particulares, en clara alusión á negativa da oposición a participar no Alba de Compostela.

Traxe e xoias feitas en Santiago

O traxe da alcaldesa, Goretti Sanmartín, foi confeccionado para a ocasión polo modista Álex Regueiro en seda e crepe, cun deseño acorde á etiqueta e ás normas de protocolo que corresponden ao cargo e á representación da alcaldesa nun evento institucional destas características.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, na praza do Obradoiro durante a recepción do Día do Apóstol

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, na praza do Obradoiro durante a recepción do Día do Apóstol / César Arxina

Esta vestimenta fai unha viaxe á década dos anos 1920 para lembrar as mulleres empoderadas dese tempo, nunha cidade de efervescencia cultural e cosmopolita en diálogo coa moda das capitais europeas da época. Trátase dun pantalón ancho, cun chaleque e chaqué inspirados no traxe tradicional galego.

Destaca o labor de artesán e manufactureiro, con todos os materiais mercados no comercio local compostelán, con decoración de botóns antigos propios do traxe tradicional.

Vai acompañado por unha peza da autoría de Susi Gesto de ouriveiría de prata e acibeche deseñada para a ocasión, como é unha pulseira de tres corpos cunha esfera central de acibeche, que representa a cerna da cidade, con ornamentación en filigrana da iconografía da cuncha e da estreliña de Santiago en cobre rosado.