Daniel Lorenzo, María Rosa Álvarez e 'Angi' G. Porto, distinguidos no Alba de Compostela

O Día do Apóstolo tamén serán homenaxeados os equipos femininos do Hóckey Club Raxoi

O acto civil organizado polo Concello será finalmente no Teatro Principal, a partir das 13.15 horas

Estes serán os homenaxeados no 'Alba de Compostela'

Estes serán os homenaxeados no 'Alba de Compostela' / ECG

Daniel Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral de Santiago; os equipos femininos do Hóckey Club Raxoi; María Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e directora técnica do Plan Socio-Comunitario de Vite; e Ánxeles González Porto 'Angi' propietaria do pub Borriquita de Belém e membro da Asociación Cultural Cidade Vella, serán as persoas homenaxeadas na primeira edición do acto Alba de Compostela, que se celebrará o vindeiro 25 de xullo, con motivo do día grande das Festas do Apóstolo, no Teatro Principal, a partir das 13.35 horas.

Un acto organizado polo Concello de Santiago, cuxo nome se inspira no afamado discurso Alba de Gloria que Castelao fixo en Bos Aires o mesmo día de 1948, e que pretende homenaxear a composteláns e entidades locais que contribúan a “facer cidade todo o ano”. Dende o seu anuncio, os partidos da oposición, PP e PSOE, reclamaron que se trasladase a outro día unha cita institucional que, ao seu modo de ver, pretende “contraprogramar” a Ofrenda do Apóstolo.

Ánxeles G. Porto en Cervantes

Ánxeles González Porto, 'Angi' / ecg

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, tivo claro dende o primeiro momento que non daría un paso atrás na súa convocatoria. Sanmartín pronunciou que “sempre que non choque coa Ofrenda entendemos que non teñen ningunha lóxica (as críticas). A Alba de Compostela vai ser un acto de homenaxe e recoñecemento ano a ano que imos continuar”, declarou no seu día, ao tempo que compartiu que dende o momento que se coñeceu a iniciativa “houbo numerosas persoas que felicitaron o goberno local”.

María Rosa Álvarez Prada / fdv

María Rosa Álvarez Prada / fdv

O obxectivo do Concello con este evento é sumarse de forma activa á celebración do día grande da cidade e de Galicia, rendendo homenaxe a aquelas persoas, institucións e organizacións vencelladas á cidade tendo en conta a súa identificación con Santiago, o seu arraigamento social, a súa relevancia ou a súa proxección. Seguindo estes criterios de valoración, a edición deste ano de Alba de Compostela renderá homenaxe ás seguintes persoas e institucións:

Daniel Lorenzo Santos / ecg

Daniel Lorenzo Santos / ecg

Daniel Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral de Santiago, polo seu labor para achegar á cidadanía o proxecto de rehabilitación da Catedral, socializando o proceso a través dun coidado programa de visitas que pon en valor a complexidade e importancia da conservación desta obra do patrimonio histórico e cultural universal.

Integrantes dun equipo feminino do Hóckey Club Raxoi / cedida

Integrantes dun equipo feminino do Hóckey Club Raxoi / cedida

Os equipos femininos do Hóckey Club Raxoi, polos seus éxitos en ligas galegas e estatais, erixíndose en referentes no deporte de competición en xeral e no hóckey en particular; e pola súa contribución a difundir a aposta do club pola participación femenina na práctica do hóckey sobre patíns, na infancia e na mocidade.

María Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e directora técnica do Plan Socio-Comunitario de Vite, pola súa dedicación profesional e persoal á transformación do barrio de Vite, implicando persoas e entidades nun proxecto social que as erixe como protagonistas e impulsoras do espazo veciñal, modelo de intervención sociolaboral, colaborativa e educativa.

Ánxeles González Porto, propietaria do pub Borriquita de Belém e membro da Asociación Cultural Cidade Vella, polo seu labor de dinamización da zona histórica da cidade, contribuíndo a resignificar os espazos de lecer nocturno a través da experiencia cultural, e polo seu compromiso activo coa hostalería de proximidade e cunha marcada función de retorno social para a veciñanza.

Simbolismo e historia

O acto bebe do contido simbólico e histórico de Alba de Gloria, o discurso de Castelao, situado na mañá do 25 de xullo, que fai unha semblanza dos personaxes históricos que desde a Idade Media contribuíron a construír a identidade e a presenza no mundo de Santiago e de Galicia e formula un desexo de esperanza no futuro. Neste 2023 celébrase, ademais, o 75 aniversario deste texto.

Tamén se inspira na Estrela de Santiago, unha estrela de oito puntas, presente no escudo de Santiago e visible en moitos lugares da cidade. Rememora o sinal que indicou onde se había de construír Compostela cuxo nome está relacionado, no imaxinario popular, co “campo da estrela”. Vincúlase tamén con outras tradicións como a da relación entre o Camiño de Santiago e a Vía Láctea.