A restauración da contorna dos ríos Sar, Sarela e Vilar avanza coa adxudicación do contrato das obras

Cun importe previsto de 301.368 euros, os traballos incluirán a realización dunha senda con paneis informativos no percorrido

Zona de actuación na que se levará a cabo o acondicionamento.

Zona de actuación na que se levará a cabo o acondicionamento. / k.m.

A restauración da contorna dos ríos Sar, Sarela e Vilar está máis preto tras a adxudicación dos traballos por parte da Xunta de Goberno do Concello á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones, S.A. Nunha sesión extraordinaria, decantouse por esta firma por ser a que presentou a oferta máis vantaxosa, e será a que leve a cabo esta tarefa, dentro do programa Edusi-Feder por un importe de 301.368,99 euros.

Ademais, realizarase unha senda con paneis informativos que actuarán como fío condutor do percorrido, co obxectivo de que a veciñanza e os visitantes poidan ter un itinerario marcado e apreciar os elementos patrimoniais e naturais situados á beira destes ríos.

O proxecto inclúe intervencións en muíños e plantación de árbores, construción de pasarelas, pavimentación e obras de evacuación de augas, entre outras intervencións.

O ámbito de actuación comprende o acondicionamento e restauración ambiental dun espazo baixo o viaduto da AC-543 (na avenida de Xosé Filgueira Valverde) sobre o Sarela, en Vidán, que se divide en dúas zonas: ámbito sur (Sar e Vilar), entre o xacemento arqueolóxico do Castelo da Rocha Forte e o tramo do Camiño Portugués, paralelo ao Sar entre a Ponte Vella de Arriba e o viaduto da Rocha, e o ámbito norte, que inclúe o acondicionamento e restauración ambiental do espazo situado baixo o viaduto da AC-543, nas dúas marxes do río Sarela.

O obxectivo principal é a restauración da contorna dos ríos Sarela, Sar e Vilar, contribuíndo así ao Vector Estratéxico Patrimonial da Edusi, mediante a mellora da accesibilidade da súa contorna inmediata e da súa calidade ambiental. Os traballos enmárcanse dentro da Liña de Actuación LA 7, destinada á recuperación e promoción do patrimonio natural.

Ademais, búscase a solución dos problemas de accesibilidade mediante sendas e pontes, a creación de zonas de lecer e a implantación de recursos de comunicación para contribuír á revalorización do espazo a recuperar.

A proposta do ámbito norte consiste en crear unha conexión entre a rúa superior e o río mediante unha serie de espazos de estancia e cunha pequena ponte peonil que conecte coa outra beira.

No ámbito sur, inclúe o acondicionamento da zona entre a entrada ao xacemento da Rocha Forte e a vía férrea, a creación dun pequeno aparcadoiro de servizo no terreo municipal situado entre a rúa do Piñeiro e a vía férrea, o acondicionamento do paso subterráneo baixo a vía do tren, o acondicionamento da carballeira ao oeste do xacemento arqueolóxico, a construción dunha senda peonil, próxima ao curso do regato do Vilar, a construción dunha pasarela peonil para o paso sobre o Sar, ou a continuación da senda, paralela ao Sar, ata atoparse co Camiño Portugués.