A Xunta adxudica a nova senda entre O Milladoiro e a estación intermodal

Correspóndese co tramo de 3,5 km de lonxitude que comezará no núcleo do Milladoiro ata enlazar co actual itinerario de Clara Campoamor

A previsión é iniciar no outono esta obra, cun prazo de execución de 18 meses

Redacción

A Xunta adxudicou por 6.796.959 euros as obras de execución da nova senda entre O Milladoiro e a estación intermodal, no concello de Santiago.

Esta intervención, adxudicada á UTE Extraco-Prace, forma parte da creación do itinerario que conectará O Milladoiro, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a intermodal e o complexo administrativo de San Caetano: case 13 km que suporán un investimento de case 12 M€.

Os novos itinerarios impulsan un percorrido exclusivo de novo trazado para peóns e ciclistas, pendentes moderadas e sen apenas interacción co tráfico rodado, e completaranse cun terceiro de conexión do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Estas actuacións, cuxo trazado está consensuado do Concello de Santiago, son impulsadas ao abeiro do programa europeo dos Fondos Next Generation, co fin de favorecer desprazamentos menos contaminantes nas cidades galegas e nas súas contornas, fomentando a diminución de emisións de gases á atmosfera.

As obras adxudicadas

En concreto, as obras adxudicadas consisten na execución dun itinerario de 3,5 quilómetros de lonxitude entre O Milladoiro e a estación intermodal, que comezará no núcleo do Milladoiro, no aparcadoiro de Agro do Medio e comunicará a través das rúas Curuxa e Figueiras co eixe Milladoiro-Santiago, o cal discorre inicialmente entre a SC-20 e a AP-9, pasando por encima dos túneles de ADIF e conectando coa rúa Virxe do Rial.

A partir da rúa Virxe do Rial, o itinerario entrará no antigo túnel de Adif, que será obxecto de acondicionamento e continuará polo Banquete de Conxo, o parque do Restollal e as Brañas de Sar, ata enlazar co actual itinerario de Clara Campoamor, á altura da estación intermodal.

A previsión é iniciar estas obras no outono, cun prazo de execución de 18 meses.

Tras a análise das achegas recibidas durante o trámite de información pública deste eixe, vaise reducir ata a metade a superficie a expropiar no entorno do lugar do Reiro e eliminaranse as pasarelas sobre o río Sar, empregando para o cruce as pontellas existentes.

No contorno do Antigo Mosteiro de Conxo utilizarase a plataforma do camiño existente, sen ampliar a explanación e cun pavimento o máis natural posible; mentres que no paso por debaixo da estrada de Deputación darase continuidade ao itinerario, acondicionando e limpando a contorna coa finalidade de mellorar o aspecto que presenta na actualidade.

Atendendo ás suxestións presentadas, elimínase a conexión da rúa Ramón Baltar, que quedará pendente de desenvolvemento en consenso e coordinación co Plan Especial de protección e rehabilitación da igrexa, hospital psiquiátrico e mosteiro de Conxo, que actualmente se atopa en fase de tramitación ambiental.