As afamadas e tradicionais festas da Rúa de Abaixo traen o circo a Santiago esta fin de semana

Inclúen tres días de festa con actividades para todos os gustos e todas as idades

Orquestra infantil na pasada edición

Orquestra infantil na pasada edición / Orquestra infantil

El Correo Gallego

Esta fin de semana celébranse as afamadas e tradicionais festas da Rúa de Abaixo (actual rúa do Espírito Santo). O programa deste ano, que xira arredor da temática do circo, inclúe tres días de festa con actividades para todos os gustos e todas as idades, desde a tradicional sesión vermú do sábado ata música tradicional e actividades para os máis pequenos.

O mércores 6 comezará a preparación das festas, cun obradoiro de cabezudos infantís ás 18:00 na fonte da Rúa de Abaixo. O xoves 7 continúa a programación infantil cunha sesión de cinema para os máis cativos, tamén na fonte, na que haberá chocolate quente. Inaugurarase tamén a exposición de planos antigos do barrio, que poderá visitarse durante todos os días da festa.

Programa das Festas da Rúa de Abaixo

Programa das Festas da Rúa de Abaixo / As Marías

O venres 8 haberá xogos populares da rúa de Santa Clara a cargo de Sororas a partir das 18:00. Ás 20:00 celebrarase no CS O Pichel a primeira edición do “Mini-Festival: un barrio de Artistas”, no que participarán Ulex, Mauricio Caruso e a Casa da Trova. Finalizado o Mini-Festival, ás 21:30 comezará a noite de música tradicional na fonte da Rúa de Abaixo, coa música de Argalleiros, Fondãos do Pífaro e Bailai Malditos. Haberá foliada aberta despois das actuacións, polo que animamos á xente a que traia instrumentos e ganas de bailar.

Concerto de Os Viqueiras nas Festas da Rúa de Abaixo 2022

Concerto de Os Viqueiras nas Festas da Rúa de Abaixo 2022 / As Marías

O día grande das festas, o sábado 9, haberá alboradas coas Desghobernadas e cabezudas ás 10:30, unha volta ciclista ao barrio con saída ás 12:00 desde a Pastoriza. A xa tradicional sesión vermú amenizada por Eva e Camilo comezará ás 13:30. Xosé Silva, máis coñecido como Josinho do 13, dará o pregón das festas deste ano, no que se cumpren 20 anos da apertura do 13 na rúa de Santa Clara. A tarde estará centrada nos nenos e nenas, coa celebración do Festivaliño infantil, o Ferro a fondo! e o concerto de Cé Orquesta Pantasma. Este ano tamén haberá un castelo inchable. A festa continuará pola noite, a partir das 22:00, con concertos e co tradicional concurso do “Baile do faroliño”.

Concerto da Banda Municipal de Música de Santiago na pasada edición

Concerto da Banda Municipal de Música de Santiago na pasada edición / As Marías

As xornadas festivas rematarán o domingo 10, co concerto da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, ás 13:00 na fonte da Rúa de Abaixo.

A Asociación Veciñal ‘As Marías’ organiza esta nova edición das Festas da Rúa de Abaixo, unhas datas que xa están marcadas nos calendarios de toda a veciñanza do Barrio das Marías.