Investigadores da USC e o CSIC analizarán o efecto antitumoral do brócoli, verzas e grelos

Os científicos estudarán se os diversos compostos destes cultivos contribúen a paliar os diferentes mecanismos que favorecen a aparición e o desenvolvemento do cancro

O Laboratorio SNL-LENNART LEVI pertence á Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC

O Laboratorio SNL-LENNART LEVI pertence á Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC / Santi Alvite

Os compostos con efectos antitumorais que están presentes en diferentes cultivos como o brócoli, as verzas ou os grelos van ser analizados por unha unidade asociada da Universidade de Santiago e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Os investigadores estudarán tamén os diferentes mecanismos de acción e o desenvolvemento de accións terapéuticas con estes cultivos de brásicas.

Este traballo conxunto é froito da colaboración entre o Laboratorio SNL-LENNART LEVI da USC e o grupo de Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), pertencente ao CSIC. O investigador responsable da Unidade Asociada Farmabrassicas: metabolitos de plantas e saúde humana é Manuel A. Freire-Garabal, catedrático da USC, mentres que o seu homólogo por parte do CSIC será Pablo Velasco Pazos da MBG.

Esta unidade nace logo dunha colaboración científica previa entre os dous equipos que, hai algo máis dunha década, decidiron iniciar unha liña de traballo centrada no estudo do efecto dos compostos glucosinolatos presentes nos cultivos de brásicas en diferentes liñas celulares de cancro de mama e próstata.

O equipo da universidade compostelá ten como actividade principal o descubrimento de compostos de orixe natural e sintética con actividade antitumoral, mentres que o grupo do CSIC estuda os compostos bioactivos que están presentes en cultivos de brásicas, como é o caso do brócoli, os grelos ou as verzas.

“Nas últimas décadas prestouse unha grande atención á prevención do cancro por medio de produtos naturais e, en concreto, ás propiedades quimioprotectoras dos compostos glucosinolatos presentes na familia de plantas crucíferas (Brassicaceae)”, segundo explican dende a devandita unidade.

Os glucosinolatos e os seus produtos de degradación, os isotiocianatos (ITCs), son un tipo de compostos únicos e exclusivos deste tipo de plantas que actúan fronte a diferentes enfermidades a través da protección contra a inflamación e estrés oxidativo nas células, retardando desta forma ou previndo certos tipos de cancros e outras enfermidades cardiovasculares ou neurodexenerativas.

“Por iso, non é de estrañar o grande interese que xerou na comunidade científica o estudo da relación entre o contido en ITCs e a diminución da incidencia de determinados tipos de cancro en humanos”, segundo matizan.

Estreitar lazos

A Unidade Asociada de USC e CSIC non só permitirá obter resultados no ámbito da mellora dos cultivos e da produción agraria sostible, senón que tamén contribuirá a estreitar as relacións entre a propia Universidade compostelá e o Consello Superior de Investigacións Científicas, en xeral, e entre a Facultade de Medicina e Odontoloxía e a Misión Biolóxica de Galicia en particular, “o que podería favorecer a xeración doutras novas sinerxias no futuro”, segundo sinalan os responsables deste estudo.

Entre outras actuacións futuras, prevese levar a cabo a publicación en conxunto de diferentes artigos científicos sobre os resultados alcanzados con esta investigación ou a realización de determinadas accións de formación e divulgación relacionadas con este tema, entre outras iniciativas que están previsto levar a cabo de forma conxunta.