Preto de 1.500 bolsas de comedor, de actividades extraescolares e de material concedidas este curso

O orzamento total das axudas aprobadas pola Concellería de Dereitos e Servizos Sociais ascende a un total de 795.000 euros

Concedidas as bolsas para o comedor, a adquisición de material escolar e as actividades extraescolares

Concedidas as bolsas para o comedor, a adquisición de material escolar e as actividades extraescolares / k.m.

Cun orzamento dun total de 795.000 euros, a Concellería de Dereitos e Servizos Sociais acaba de aprobar a concesión de 1.451 axudas na actual convocatoria de bolsas de comedor, adquisición de material escolar e realización de actividades extraescolares para o curso 2023-2024.

En concreto, e segundo se publica na páxina web do Concello de Santiago, na modalidade de escaseza de recursos, a concellería resolveu conceder un total de 637 bolsas de comedor escolar, 167 para a compra de material, e 487 axudas para actividades extraescolares.

Na modalidade de conciliación, concedéronse 160 bolsas de comedor. En total, na convocatoria para o curso 2023/2024 apróbanse 27 axudas máis que no curso anterior.

Na modalidade de escaseza de recursos, as bolsas de comedor ascenden a un máximo de 90 euros mensuais durante os dez meses de duración do novo curso escolar, e as de compra de material son de ata un máximo de 60 euros.

No caso de todas as axudas outorgadas para sufragar diferentes actividades extraescolares, a contía é de ata 15 euros mensuais se a actividade se desenvolve unha hora ou un día á semana: e de ata 30 euros mensuais para todas aquelas actividades que sexan dúas horas ou dous días semanais.

Por último, na modalidade de conciliación, as bolsas son de 45 euros mensuais polos dez meses de duración do curso escolar.

Todas estas bolsas están destinadas a aquelas unidades familiares e de convivencia que estean empadroadas en Santiago e que, por escaseza de recursos económicos, teñen dificultades ou ben non poden teñen capacidade para facer fronte aos diferentes gastos relacionados coa escolarización de menores que teñen ao seu cargo.

É necesario que os beneficiarios estean ao corrente durante todo o periódo subvencionable, e ata o último trámite de xustificación, no cumprimento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Axencia Tributaria de Galicia, co Concello e coa Seguridade Social.