As reparacións do Mercado de Abastos estarán listas a finais do mes de decembro deste ano

As obras están en proceso de licitación

A xerente da praza, Marta Rey destaca que “urxe a reparación do murallón”

Posto promocional de produtos de marcas galegas situado na nave 6 do mercado / CEDIDA

Posto promocional de produtos de marcas galegas situado na nave 6 do mercado / CEDIDA / Ana Triñáns

O concelleiro de Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, asistiu onte á presentación da campaña ‘Na túa despensa, o mellor de Galicia', organizada polo Cluster Alimentario Galego (Clusaga) e que tamén contou coa presenza da xerente do Mercado de Abastos, Marta Rey. Preguntados ambos os dous polas obras de reparación da praza, pendentes dende hai tempo, o concelleiro informou de que “a licitación está en proceso, en canto se resolva iniciaranse os traballos”. Xan Duro especificou que “dende a área de Economía non hai problema, só falta licitar a obra, agardamos que estea a finais de decembro”. Unha data que como moito superá unha demora dun par de semanas sobre o previsto.

A este respecto, Marta Rey, recalcou que “o primeiro é reparación da obra”, que lembrou tivo un custo de de cinco millóns de euros “e moitos defectos, como o murallón, e que estamos agardando resolver”.

No mencionado murallón o principal problema é que chove, “é o máis urxente porque vén o inverno aí”, advertiu Rey, que tamén puntalizou que “desta volta o que fixemos ben foi, por exemplo, probar que funcionanse as portas”, uns elementos que tiveron un custo de 120.000 euros e que non funcionaban correctamente. “Imos tentar resolver o que está mal antes do inverno”, afirmou a xerente.

Deficiencias da Praza de Abastos

Foi a comezos do pasado mes de agosto cando o goberno bipartito lle deu luz verde á contratación das obras do mercado. Unha reforma, “moi necesaria e solicitada dende hai tempo”, indicaba a rexedora Goretti Sanmartín, que apuntaba que se actuará, fundamentalmente, sobre as marquesiñas, os estores, as portas corredeiras, o cuarto de baño adaptado e a instalación eléctrica da torre central.

Estas actuacións contan cun orzamento base de licitación de 518.710,53 € (base impoñible de 428.689,39 € máis IVE do 21% de 90.024,14 €) e adxudicaranse seguindo o procedemento aberto simplificado, de acordo co artigo 159 da LCSP. Así, contarán cun prazo do execución de 130 días hábiles dende a sinatura do contrato, prevista para as próximas semanas, e que se realizarán de forma compatible coa actividade da praza.

A anterior reforma, inaugurada en 2015, deu problemas dende o primeiro momento, un ascensor que se estropea se chove moito, problemas de fontanería nos baños, humidades por filtracións nas cubertas ou portas corredeiras que se atascan son só algunhas das deficiencias dende entón.

“Desde o primeiro momento tivemos moitísimos problemas por fallos de deseño e defectos de obra”, explicaba en febreiro deste ano Marta Rey. A xerente afirmaba que os custos das continuas reparacións comprometían as cuentas da asociación que xestiona o Mercado de Abastos, unhas reparacións que supuñan un custo de entre 2.000 e 3.000 euros cada unha delas.

Ampliar o horario do mercado para atraer nova clientela

A ampliación do horario do mercado para captar nova clientela é outra das cuestións pendentes da Praza de Abastos.

En xullo deste ano, o novo goberno local comezou a traballar nun “plan de revitalización” para a Praza de Abastos coa intención de “darlle un novo pulo” ao mercado da capital, o segundo lugar, tras a Catedral, máis visitado da cidade.

Entre as medidas que se avalían está unha posible ampliación de horarios, dando opción aos comerciantes a que abran algunha tarde ao longo da semana co obxectivo de prestar “un maior servizo aos residentes”. “Estamos valorando a posibilidade de impulsar un proxecto piloto, no que por suposto participarían de xeito voluntario aqueles postos do mercado que o desexen. Somos conscientes, e así nolo teñen trasladado, que non para todos os vendedores do Mercado esta é unha opción realista, pola maneira na que teñen configurado o seu modelo de negocio”, aseguraba entón o edil de Compostela Aberta, Xan Duro.

“Marta (Rey) e eu sempre traballamos coordenadamente, como usuario da praza estou a favor de abrir polas tardes” aseguraba logo da presentación de onte Xan Duro. “É un debate que hai que dar porque a sociedade vai nun camiño no que cada vez traballa máis xente, a figura da familia na que unha parte se dedicaba a manter o fogar xa non se dá, a media de idade da praza non é baixa e abrir algún día pola tarde permitiría traer clientela de rangos de idade menores”, recalcaba.

Tanto o edil como a xerente da praza coincidiron en o mercado é “un espazo vivo, atractivo a todo tipo de negocios e hai que xestionalo con coidado”. Xan Duro explicou que nas próximas semanas presentarán o estudo que está elaborar o goberno.