O fin das novatadas?: A USC non recibiu denuncias no inicio dos últimos dous cursos

Estas prácticas poden supoñer ata tres anos de expulsión

A institución vén de lanzar unha campaña de concienciación

Estudiantes de la USC en el campus universitario

Estudiantes de la USC en el campus universitario / Antonio Hernández

O inicio do curso na USC sempre estivo marcado polas famosas novatadas entre os universitarios que viven en residencias ou colexios maiores para darlle a benvida aos alumnos de primeiro ano, unhas prácticas que foron desaparecendo nos últimos tempos. Dende a institución compostelá sinalan a EL CORREO que tanto no inicio do curso pasado como no presente non houbo denuncia por estas “bromas”.

No mes de marzo de 2023, a Universidade de Santiago adaptouse ao novo marco legal universitario coa elaboración das súas propias normas de convivencia. No regulamento recóllense como faltas moi graves ou graves a comisión de novatadas. Para as primeiras contémplanse expulsións de ata tres anos, e ademais “faise constar no expediente académico do alumno/a o feito mentras non se cumpra esa sanción”, explicou en detalle a este medio a vicerreitora de Estudantes da USC, Pilar Murias. No caso das faltas graves, a medida máis adaptada a este contexto sería a expulsión de ata un mes.

No caso de que unha persoa sufrise unha conduta ou actuación vexatoria tería que comunicalo á vicerreitoría de Estudantes por correo electrónico, “algo sobre o que insistimos moito” ou ben por outra vía posible. O seguinte paso sería enviar un escrito ao reitor xa que é “a persoa que ten a potestade de abrir un expediente cunha serie de feitos motivados” e así poríase en marcha todo o proceso. A denuncia tería que estar fundamentada, e en ningún caso podería ser anónima.

Pilar Murias asegura que este ano están facendo un esforzo especial por visibilizar a posición institucional neste asunto. “Os estudantes que entran novos teñen que ter claro o marco normativo e saber que se poden dirixir a nós se se atopan nunha situación deste tipo”, asegurou.

O Sistema Universitario de Residencias (SUR) enviou a todos os usuarios nos días previos ao inicio do curso o regulamento de convivencia da universidade a través dun correo. A maiores, nas recepcións de benvida que tiveron por parte da dirección dos centros fíxose fincapé nas novatadas.

A semana pasada a USC sumouse a unha campaña que ten en marcha a Policía Nacional contra estas prácticas. “Puxemos carteis físicos nos centros residenciais, especialmente no SUR, e nalgunhas facultades”, destacou Murias.

Ademais, dende a institución están a impulsar unha campaña propia co reparto de carteis por todos os centros da universidade (facultades, escolas, centros adscritos, bibliotecas, UXAs...), todos os puntos onde hai actuación directa do estudantado. Estes carteis, distribuídos tanto no Campus de Lugo como en Santiago o xoves e venres da semana pasada, inclúen un código QR que leva ao estudante a un espazo na web onde se fala das normas de convivencia. “Para levala a cabo e difundir mellor a mensaxe contamos coa colaboración do Consello de Estudantado da USC”, manifestou.

Nesa labor de concienciación, María Castro, subdirectora e residente do Colexio Maior Rodríguez Cadarso, e profesora de Dereito da USC, asegura a este medio que os catro anos que leva no centro transcorreron “con total normalidade”. A reunión cos alumnos de nova admisión fíxose “porque nos preocupa que non estean tranquilos e porque non coñecen o funcionamento e dinámica dos centros. Chegan un pouco desubicados e en ocasións non saben a quen recurrir se lles sucede unha cuestión particular”. O obxectivo é que o lugar no que van a residir durante o curso sexa un espazo seguro.

Valoración do Consello do Estudantado da USC

Dende o Consello do Estudantado da USC mostran un claro posicionamento sobre este tema. “As novatadas son unha dinámica de violencia socialmente aceptada que se autoperpetúa, porque quen as sofren hoxe é quen a exerce mañá e disfrazase de dinámica de integración o que acaba por ser unha actividade na que tes que participar baixo pena de exclusión social no contexto do colexio maior ou residencia na que vives”.