Sanmartín denuncia as “polémicas estériles” de PP e PSOE

Cen dias de goberno: a oposición “dálle instrucións á muller que está a fronte da Alcaldía”

Sanmartín lamentou a “falta de decoro e cortesía” por parte da oposición

A alcaldesa fixo tamén referencia ás cuestións máis problemáticas dende que chegou ao goberno, como o transporte público

Verea: “O que non imos facer é quedar calados ante comportamentos sectarios"

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, na praza do Obradoiro durante a recepción do Día do Apóstol

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, na praza do Obradoiro durante a recepción do Día do Apóstol / César Arxina

Os cen primeiros días de goberno do equipo de Goretti Sanmartín, que se cumpriron este luns, foi outro dos temas polo que se lle preguntou á alcaldesa na roda de prensa de onte. A valoración que fai Sanmartín é “de ilusión e ganas, recibimos felicitacións por parte da cidadanía e do asociacionismo e fomos un goberno activo dende o primeiro momento”, afirmaba, para indicar que “mellorar a xestión municipal e a prestación de servizos e o constante diálogo con outras institucións” segue a ser o obxectivo primordial do bipartito.

A alcaldesa fixo tamén referencia ás cuestións máis problemáticas dende que chegou ao goberno, como o transporte público, pero quixo destacar fronte á demora que supón a corrección e actualización dos pregos para a concesión do servizo a incorporación de “novidades como a liña de bus nocturno ou o reforzo de determinadas liñas”. Neste último aspecto a alcaldesa fixo referencia ao servizo no rural, para o que se “encargou á Universidade de Santiago un proxecto sobre mobilidade para ver as divesas modalidades de transporte colectivo no rural”.

Goretti Sanmartín lamentou a “falta de decoro e cortesía” por parte da oposición ante estes primeiros cen días e asegurou que no que se centraron foi en “darlle instrucións á muller que está á fronte da Alcaldía, como que ten que ir á misa”. En referencia ao Partido Popular, Sanmartín afirma que “algúns non asumiron que non tiveron maioría absoluta para gobernar”.

Verea: “O que non imos facer é quedar calados ante comportamentos sectarios"

En resposta ás súas palabras, o líder do PP local, Borja Verea denunciou que “a falta de decoro é gobernar con seis concelleiros de 25 como se tiveses maioría absoluta”. “Nestes cen días o BNG non pode queixarse de que criticásemosa súa xestión”, argumentaba Verea para explicitar a ausencia da mesma. “O que non imos facer é quedar calados ante comportamentos sectarios como o seu absoluto desprezo ao Apóstolo e á nosa catedral”. Borja Verea tamén se referiu “ao exército de asesores” do goberno local, por riba en cantidade e salarios dos que contaba a anterior corporación.

En relación ao PSOE dixo que “outro grupo quere tapar a idea de que non quixo entrar no goberno”. A este respecto Sanmartín falou de “frustración” nas filas socialistas porque “podían estar no goberno exercendo funcións executivas. Unha cuestión que tamén tivo a súa resposta por parte do PSOE. O seu portavoz municipal, Gonzalo Muíños, explicaba que “o que lle pediría á alcaldesa é que se centre en gobernar e non tanto en pedirnos a nós que entremos no goberno porque este tipo de declaracións públicas están a proxectar a imaxe dun goberno sobrepasado e agardo que non sexa o caso”.

En canto ás mencións de Sanmartín ao “decoro” e á “cortesía”, Muíños afirma que o primeiro “é o mesmo que tivo a alcadesa ao ocultarlle o tratado coa Sareb para a parcela do Peleteiro e a cortesía a mesma que tivo ao decidir derrubar da Casa da Xuventude”.