A pioneira actriz e locutora compostelá Pilar Pereira entra no Álbum de Galicia

María del Pilar Pereira Carballo foi unha actriz de teatro e locutora radiofónica, aínda que tamén foi autora e directora escénica e traballou como actriz de cinema e televisión

Foi “un referente e posúe unha dilatada, destacada e versátil carreira” asegura Ana Abad de Larriba, que asina a entrada que hoxe se inclúe no Álbum de Galicia, colección de biografías que elabora o Consello da Cultura Galega (CCG)

Fotografía de Pilar Pereira incluída na súa entrada no Álbum de Galicia do Consello da Cultura

Fotografía de Pilar Pereira incluída na súa entrada no Álbum de Galicia do Consello da Cultura / CCG

El Correo Gallego

Nada en Santiago en 1937 e falecida no 2020, “Pilar foi unha estudante avantaxada e, ao tempo, inconformista” explica Ana Abad nunha entrada no Álbum de Galicia que destaca que “esa aura de rebeldía seguiría manténdoa ao longo da súa vida”. Cita tamén o que o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño dixo dela: “muller pioneira, que escandalizaba e, ao tempo, xeraba admiración pola súa vontade de ser libre, así como polo seu talento”. Comezou recitando poemas escritos polo seu pai, paixón que continuou cultivando e á que se lle foi engadindo a do teatro. Ambas facetas que compaxinaría ao longo de toda a súa vida.

Colaboraba con EAJ4-Radio Galicia Cadena Ser de Santiago, na que entra a traballar en 1953, mentres seguía vinculada ao Grupo de Teatro Universitario (TEU) e á agrupación cultural Cantigas e Agarimos. Foi Antígona na primeira montaxe do TEU en galego, na tradución de Xosé Manuel Beiras, Xosé Luís Franco Grande e Ramón Silva, á que lle seguiron uns cantos clásicos máis.

Pilar Pereira co demais cadro de persoal de Radio Galicia, en 1958, no 25 aniversario da emisora. Arriba, de esquerda a dereita, Ángel de la Peña, José Gutierrez, José Antonio Silva e Antonio Pose. Debaixo, Peteiro, Pili Pereira, Francisco Pazos Speaker Pazos e Isabel Carou

Pilar Pereira co demais cadro de persoal de Radio Galicia, en 1958, no 25 aniversario da emisora. Arriba, de esquerda a dereita, Ángel de la Peña, José Gutierrez, José Antonio Silva e Antonio Pose. Debaixo, Peteiro, Pili Pereira, Francisco Pazos Speaker Pazos e Isabel Carou / Cadena SER e Camila Bossa

A súa entrada biográfica destaca que, malia que se trasladou a Madrid trala súa separación, mantivose fiel ao seu traballo de locutora e actriz. Alí participou en ducias de montaxes, como ela mesma contaría na súa autobiografía Un anaco de memoria. Nese memo libro contou que se uniu ao grupo Los Goliardos, cos que foi ao Festival Internacional de Nancy. Unha viaxe que marcaría un novo punto de inflexión na súa vida, xa que  Pilar foi con eles e decidiu quedar en París. “Na capital francesa entrou a formar parte do proxecto cultural La Carraca, cuxo obxectivo principal era contribuír a achegar a cultura aos emigrantes españois traballadores, e co que participou en diferentes montaxes. Nesa agrupación coincidiu con artistas como Paco Ibáñez ou Joan Manuel Serrat” conta Ana Abad na entrada.

Pilar Pereira en Las salvajes en Puente San Gil, en 1963

Pilar Pereira en 'Las salvajes en Puente San Gil', en 1963 / Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música

Regresou a Galicia nos noventa para participar nunha montaxe do Centro Dramático Galego á que lle seguirían numerosos proxectos. Creou a súa propia compañía ao tempo que participou en outros proxectos e tamén foi un rostro moi coñecido no audiovisual (Rías Baixas, Mareas vivas, A familia Pita, 4º sen ascensor, Escoba! ou Lobos e cordeiros, entre outras, nas series galegas mais tamén nas series estatais Ramón y Cajal, Manos a la obra, ou Hospital Central).

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, AAAG, concedeulle o Premio de Honra Marisa Soto en 2013, en recoñecemento da súa dilatada e imprescindible traxectoria. O Concello de Santiago tamén aprobou o nomeamento dunha rúa en Santiago de Compostela co nome de Pilar Pereira.

A entrada compleméntase con ligazóns a algúns capítulos das series nas que participou, así como numerosos documentos sobre a súa participación pública en declamacións, montaxes e recitais nas súas orixes.

No ano 2016 Pilar Pereira protagonizou a curtametraxe 'As vacas de Wisconsin' de Sara Traba

No ano 2016 Pilar Pereira protagonizou a curtametraxe 'As vacas de Wisconsin' de Sara Traba / Filmin

Álbum de Galicia

En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 680 entradas, das cales as máis recentes son as de Gustavo Pernas Cora, Hijas de Galicia, Inocencio Schmidt de las Heras ou Afonso O Sabio, X de Castela e IX de León-Galicia.

As biografías están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. É, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que dende 2005 se publicaron álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.