O aparcamento do CHUS continúa a xerar polémica entre a Xunta e o goberno local

Borja Verea reivindica o proxecto recollido no seu programa electoral e o PSdeG tíldao de “ocorrencia repetida”

"Non sabemos se o estudo entregado pola Xunta esta mañá é enteiro, parece máis ben un estrato do estudo", Goretti Sanmartín

Panorámica do aparcamento actual do Hospital Clínico de Santiago

Panorámica do aparcamento actual do Hospital Clínico de Santiago / Antonio Hernández

Na comparecencia de prensa deste luns para dar conta dos acordos da xunta de goberno local, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín fixo referencia ao estudo enviado dende a Xunta de Galicia sobre o aparcamento do Hospital Clínico (CHUS). “Non sabemos se o estudo entregado pola Xunta esta mañá é enteiro, parece máis ben un estrato do estudo, son corenta páxinas”, explicaba a alcaldesa, que facía tamén referencia a que á corporación lle gustaría “mirar ese estudo na súa totalidade”. 

Sanmartín reivindicou que “a contorna do hospital é responsabilidade do Sergas”, e fixo mención a que o que corresponde ao Concello é “reforzar as liñas de transporte que van ao hospital”. “Xa puxemos enriba da mesa unha parcela para construír un novo aparcadoiro, necesario, pero a Xunta debe asumir que o 80% da ocupación é do persoal do hospital”, advertía a alcaldesa, que tamén quería destacar unha vez máis que “hai unha porcentaxe moi alta da poboación que acode ao hospital que non é de Santiago”. 

Unha cuestión que tamén destacaba a ex edil de Urbanismo do Partido Socialista, Mercedes Rosón, quen cualificou de “escandaloso” que o goberno autonómico queira fialo todo a un déficit no transporte público “obviando que o CHUS é o hospital de referencia dunha enorme área sanitaria”. Rosón recordou que o goberno socialista no pasado mandato cedeu á Xunta unha parcela de 3.500 metros cadrados, ao carón do CEBEGA e a 50 metros do CHUS para a creación dun aparcadoiro cunha capacidade de 420 prazas. Unha solución “realista e realizable” recalcou a edil, e que permite “unha resposta inmediata”.

Pola súa parte, o líder do Partido Popular municipal, Borja Verea, afirmaba que dende a súa formación “temos unha proposta concreta para solucionar o problema de aparcamento no Clínico, ía no meu programa de goberno ás eleccións municipais, o máis votado polos santiagueses”, afirmaba. Verea defendeu a construción dese aparcamento en altura, de varias plantas, aproveitando a pendente do heliporto, que permitiría “crear importantes zonas verdes e conectar subterraneamente o Gil Casares, o Clínico e o futuro centro de Protonterapia”. O que para Borja Verea é unha “solución integral a disposición de todos os composteláns, do concello de Santiago e da Xunta de Galicia” é para Mercedes Rosón, “ocorrencia repetida” cun aparcadoiro que “ten poucos visos de ser realizable”. 

Para a alcaldesa de Santiago, a proposta de Verea, que entende “que se lle fai á Xunta para que execute esa obra”, calquera proposta que resolva o problema de aparcamento “parécenos positiva” mais Sanmartín bota en falta que se indique nese proxecto que “quen debe afrontar a construción dese aparcadoiro é a Xunta de Galicia”.