A USC é a universidade española co maior número de alumnado adicado a tarefas de voluntariado

Participaron 2.677 dos seus estudantes en 285 accións ao longo do curso 22-23

Os programas de saúde mental, os máis solicitados

O perfil de voluntario é maioritariamente feminino na USC

O perfil de voluntario é maioritariamente feminino na USC / s.alvite

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) encabezou o curso pasado o ranquin dos centros de estudios superiores españois con maior número de alumnado voluntariado cun total de 2.677 estudantes, situación que xa sucedera no curso 2020-2021. No listado, por número de alumnos, séguelle a Universidade de Granada, con 2.535 estudantes, e a de Girona con 2.301.

A institución académica destaca tamén por ser a terceria que impulsou máis iniciativas de voluntariado no curso pasado con 285, só por detrás de Murcia (430) e Girona (323). O 95 % das mesmas realizáronse en colaboración con entidades sen ánimo de lucro e executáronse en ámbito galego na súa totalidade.

Son os datos que se desprenden do IX Estudio sobre Voluntariado Universitario elaborado pola Fundación Mutua Madrileña con motivo da convocatoria dos IX Premios ao Voluntariado Universitario. O informe contou coa participación de 41 centros universitarios (o 44 % do total) e 75 entidades sen ánimo de lucro.

A vicerreitora de Estudantes da USC, Pilar Murias manifestou en conversación con este medio que a institución “está encantada” de ser a primeira este ano con máis alumnado voluntariado, se ben non é unha novidade ao situarse habitualmente nos primeiros postos.

Pilar Murias destacou que hai unha parte deses estudantes que participan nunha acción de voluntariado de forma sostida ao longo de todo o ano, mentras que outros o fan de xeito puntual. “Dentro dos que teñen esa labor máis sostida temos o voluntariado propiamente dito e os programas que reciben o nome de aprendizaxe e servizo, nos que se establece unha conexión co tecido social da contorna, e faise a través de materias concretas nos graos que están cursando os estudantes”, sinala.

A USC colaborou o curso pasado cunhas 60 entidades do terceiro sector e tamén coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Os alumnos participantes son maioritariamente da rama de Ciencias Sociais e Xurídicas, pero “hai participación ampla das outras ramas” e o perfil de voluntario segue sendo maioritariamente feminino.

Os programas relacionados co ámbito da saúde mental son os máis secundados polos estudantes, seguidos dos vinculados ao de apoio á inclusión e a diversidade. “Con isto refléxase a importancia que teñen estes temas e a sensibilidade dos estudantes”, afirma.

Murias conclúe poñendo en valor o rol das persoas voluntarias. “O voluntariado non é só unha contribución á sociedade ou que a vida das persoas que o practican cambie na súa parte personal, senón que sabemos que a través desas accións os estudantes están captando unhas capacidades que nas aulas non hai posibilidade de traballar”, comenta.

Para Javier Agrafojo, coordinador da área de Participación e Inclusión Universitaria da USC, estos resultados danse grazas a unha aposta que a USC fai dende hai máis de 25 anos. “Refléxase a importancia da participación social e do tecido asociativo que xunto co alumnado son os dous grandes protagonistas. A USC seguirá apostando por darlle continuidade aos profesionais que se encargan da xestión dos programas de voluntariado”, comenta. Agrafojo cita a Santiago e Lugo como cidades “con dimensións moi humanas”.

Voluntariado a nivel España

No conxunto de España, os datos reflicten que o voluntariado universitario continúa imparable. Tras o descenso que se experimentou por mor da pandemia e da interrupción da actividade presencial, a vocación solidaria suma adeptos entre os universitarios por segundo ano consecutivo.

Ao longo do curso 2022/23, un total de 19.460 estudantes participaron en accións de voluntariado a través da súa universidade, o que supón un 13 % máis que o ano anterior.