A Dirección e a ANPA do Pío XII ven “positivamente” a alternativa de aparcamento proposta polo Concello

O concelleiro de mobilidade apela á responsabilidade de pais e nais para que se cingan aos espazos que se van habilitar

Cando pasen as chuvias pintarase a calzada e instalarase sinalética vertical na avenida de Compostela

As familias do colexio Pío XII buscan solucións alternativas ao aparcamento de Galeras

As familias do colexio Pío XII buscan solucións alternativas ao aparcamento de Galeras / Jesús Prieto

O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, pronunciouse esta mañá sobre a súa nova proposta de aparcamento rotativo para os pais e nais do colexio Pío XII.

"É útil e cobre unha necesidade de aparcamento áxil", explicou Duro, que tamén incidiu en que se mantén a opción de estacionamento por máis tempo, 25 minutos, no parkin A Catedral de Galeras.

Preguntado pola acollida da nova alternativa por parte da ANPA, Duro explicou que esta se reunirá o xoves, pero remarcou que na súa xuntanza da pasada semana coa dirección do centro non foron en absoluto "refractarios á proposta".

Con esta proposta a medio camiño do que solicitaba a ANPA e que era "inviable" (prazas de aparcamento no campus preferentes para pais e nais nos horarios de entrada e saída do colexio), Xan Duro explica que se consegue "ordenar espazos que se estaban a utilizar de xeito caótico".

A ANPA do Pío XII disporá, unha vez que se poida sinalar o espazo, de prazas de aparcamento nas avenidas das Burgas e Compostela e en Poza de Bar, todas elas na modalidade 'bico e vai', que permite a parada por un tempo moi limitado e permite axilizar a chegada e recollida dos cativos nos correspondentes horarios.

Súmanse así 32 prazas 'bico e vai' nos arredores do Pío XII, pero mantéñense as máis de 500 no aparcamento de Galeras.

Sobre as prazas dos arredores do centro, Xan Duro apela "á responsabilidade dos pais e nais" en canto a cinguirse ás prazas habilitadas para non causar complicacións no tráfico da zona.

Borja Suárez, presidente da ANPA do colexio Pío XII, pronunciouse (previo á asemblea de mañá) de maneira positiva sobre a alternativa formulada polo edil de Mobilidade, Xan Duro. “A proposta que nos trasladan dende o Concello parécenos positiva”, afirmou, “empezando porque o que buscabamos era sentar e poder dialogar e negociar, que houbese comunicación”, explica Borja Suárez.

O presidente da ANPA do Pío XII explica que na xuntanza da pasada semana, logo do envío por parte desta asociación dun comunicado denunciando “discriminación” por parte do concelleiro fronte á USC (cuxos terreos do campus lle son propios e non do concello), “dentro das propostas que lles trasladamos foron aceptadas unha gran parte”, ademais de asumir dende a o Goberno local “o compromiso de seguir dialogando e traballando en prol do beneficio da comunidade educativa”.

Para Borja Suárez, a iniciativa ‘bico e vai’ de estacionamento áxil para facilitar un mellor rotación de vehículos “ten unha certa flexibilidade, pensando tamén nos nenos e nenas máis pequenas”, en referencia ao alumnado de infantil, sobre a que se queixaba especialmente a ANPA polos algo máis de 400 metros que debían camiñar dende o aparcamento de Galeras con tan curta idade.

Unha vez que pasen as choivas, o Concello procederá a pintar as prazas de aparcamento na avenida Compostela, así como á instalación da sinalética vertical. As prazas que se habilitan son preto dunha ducia na avenida Compostela, outro na avenida das Burgas mais a habilitación de espazo, tamén ‘bico e vai’, na entrada principal do colexio Pío XII, na rúa Poza de Bar, en total 32 prazas, 12 máis que as reivindicadas na proposta inicial da ANPA do Pío XII. Tanto para este centro coma para o Raíña Fabiola, tamén afectado polas obras do campus, segue dispoñible o aparcamento de Galeras.