Xan Duro cede ás presións e propón outro aparcamento para as familias do colexio Pío XII sen eliminar as prazas de Galeras

Habilitaranse zonas 'bico e vai' ('kiss and go') nas avenidas de Compostela e das Burgas e espazo en Poza de Bar

As familias que o desexen seguirán dispoñendo de 25 minutos de balde no aparcamento de Galeras

Mapa coas novas zonas de aparcamento 'bica e vai' para as familias do Pío XII

Mapa coas novas zonas de aparcamento 'bica e vai' para as familias do Pío XII / CEDIDA

Dende que hai unha semana comezaran as obras para humanizar o campus sur o conflito entre a proposta do concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, e a Asociación de Nais e Pais (ANPA) do colexio Pío XII non deu tregua. A proposta do edil de Compostela Aberta (CA) foi a de ofertar 25 minutos de aparcamento gratuíto para estas familias no aparcamento Catedral, na rúa das Galeras, unha solución que non satisfacía a ANPA, que propuña áreas máis próximas ao centro escolar, eliminando zona ORA ou carrís da avenida das Burgas, algo “inviable” en palabras o edil de CA, xa que quedarían sen prazas as persoas traballadoras do Ensanche que deixan o seu coche na área do Campus.

Logo dun comunicado de prensa dende a ANPA do Pío XII, reivindicando a súa proposta e denunciando “discriminación” de parte de Xan Duro con eles, fronte á USC (Universidade de Santiago), concello e ANPA decidiron reunirse de novo para ver novas propostas. Por parte de Xan Duro, a alternativa de aparcamento, sen eliminar a dispoñiblidade das prazas do parking de Galeras, foi a de “eliminar o carril esquerdo da avenida de Compostela, diante do Pío XII”, quedando así esta rúa con dirección obrigatoria cara ao Cruceiro do Galo, “para que o carril se convirta en aparcadoiro de curta duración ‘bico e vai’ -’kiss and go’- en horario de entrada e saída escolar.

Outra das iniciativas desta nova proposta da concellaría de Mobilidade é a de “habilitar a parte final da avenida das Burgas na súa marxe dereita en dirección á Alameda como aparcadoiro, tamén ‘bico e vai’, en horario de entrada e saída escolar”. Ao tempo, faise necesaria a “reorganización do espazo diante do colexio Pío XII, na rúa Poza de Bar, para permitir espazos de parada de curta duración”.

As outras iniciativas centrábanse nos escolares que acceden ao centro pola parte do campus, mentres a iniciativa de Poza de Bar permite acceso limitado para aquelas familias que deixan as súas crianzas na entrada prinicipal do colexio. “En total, falamos de 32 prazas”, comunica o edil Xan Duro, unha ducia máis que as 20 reclamadas pola ANPA no referido a esta área e da que Duro aseguraba non entender “como 20 prazas resolven o problema e 500 non”.

Ao apelar a este medio millerio de prazas, o concelleiro de Mobilidade facía referencia ao parking Catedral da rúa Galeras, que segue ao servizo dos pais e nais dos escolares do Pío XII e Raíña Fabiola, con ese límite de 25 minutos de carácter gratuíto, e para o que se debe solicitar a mencionada praza, confirmando coa colaboración da dirección do centro que se pertence a ese colexio.