Entrevista | Alba Vieites Investigadora principal e líder do grupo de plasticidade cerebral no Cimus

"Saber como se regula a plasticidade cerebral permitiranos estimulala na idade adulta"

Alba Vieites

Alba Vieites / Alejandro González García

Koro Martínez

Investigadora principal e líder do grupo de investigación centrado na plasticidade cerebral do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (Cimus), Alba Vieites Prado regresou este ano á súa terra tras seis anos no estranxeiro por morriña e porque quere “facer ciencia dende Galicia”. Labor científica que no seu caso centra no estudo dos mecanismos moleculares que están implicados na remodelación da conectividade cerebral adulta, analizando “como cambios permanentes na experiencia sensorial poden reconfigurar a conectividade cerebral e estudando como os estados fisiolóxicos, que son variables ó longo da vida, poden influír na capacidade plástica do noso cerebro”. 

A que nos referimos cando falamos de plasticidade cerebral?

Referímonos á capacidade do cerebro para adaptarse ós cambios. Cambios no noso entorno, nas nosas relacións sociais ou incluso no noso propio organismo.

Que define esta plasticidade?

En última instancia a plasticidade cerebral é a capacidade para optimizar a función cerebral ás necesidades. Esta adaptación faise mediante a creación e eliminación de conexións neuronais, ou mediante o reforzamento/debilitamento de conexións preexistentes. Sen embargo, non se coñecen as variables biolóxicas que determinan esta adaptabilidade, por iso é interesante estudalo. A capacidade plástica de cada individuo podería depender da versatilidade das súas neuronas, pero tamén podería estar determinada pola función doutras células do cerebro, ou depender de variables fisiolóxicas da persoa (estado reprodutivo, nivel de actividade física, hábitos alimentarios, hábitos de descanso, etc), por exemplo.

Como se cuantifica?

No laboratorio cuantificamos a plasticidade cerebral analizando como varía a activación neuronal e a conectividade das distintas áreas do cerebro. Esta é a forma máis explícita de analizar a plasticidade do cerebro; sen embargo, tamén se pode medir de forma indirecta analizando cambios no comportamento, habilidades cognictivas. 

Hai algún período da vida clave para obter máis plasticidade cerebral?

Non se sabe. Durante a infancia e a adolescencia, os circuítos cerebrais desenvólvense e refínanse. Unha hipótese é que canto máis rico sexa este proceso na xuventude, o cerebro adulto terá máis recursos para cambiar o seu funcionamento. Sen embargo, faltan estudos que confirmen esta hipótese e faltan estudos que se centren en estudar outros períodos da vida. 

Pérdese ca idade? E con determinado tipo de patoloxías?

A capacidade plástica do noso cerebro é máxima durante o desenvolvemento. A medida que “perfeccionamos” (ou refinamos) o funcionamento do noso cerebro na nenez e adolescencia, este vai perdendo a súa capacidade de reconfiguración, aínda que mantemos unha certa capacidade plástica ó longo da vida. Estudos recentes mostran que en certos momentos da vida adulta, a capacidade plástica dos circuítos cerebrais aumenta, como por exemplo ante a maternidade, ou tras unha lesión cerebral. Por outro lado, cando o cerebro non ten capacidade de adaptación, ou prodúcese un remodelado abundante pero inapropiado, poden darse condicións patolóxicas. A capacidade limitada de adaptación ós cambios en certos circuítos cerebrais podería ser un dos factores desencadeantes na ansiedade e na depresión. Por outro lado, un exceso de plasticidade pode levar a estados disfuncionais ou patolóxicos, como é o caso dos cadros de membro pantasma e outras formas de dor crónica que aparecen en aquelas persoas ás que lles foi amputada algunha parte do corpo. 

Que papel pode ter na loita fronte a algunhas enfermidades?

Temos un coñecemento moi limitado sobre as capacidades plásticas e de resiliencia das células do noso cerebro. Coñecer estes mecanismos permitirá reorientar o estudo do cerebro, axudando a identificar as causas e tratar os desordes psiquiátricos, do neurodesenvolvemento, ou certas enfermidades neurodexenerativas, onde a capacidade plástica do cerebro vese limitada.  

Hai diferenzas por sexos?

Non está claro, aínda que todo apunta a que si, xa que existen diferenzas entre sexos nas taxas de prevalencia de trastornos e patoloxías que estarían asociadas á capacidade de adaptación do cerebro, como a ansiedade, depresión, ou algunhas enfermidades neurodexenerativas. Ademáis, sábese que aumenta o risco de padecer estas patoloxías nos momentos da vida nos que se producen cambios nos niveis de hormonas sexuais circulantes. Sen embargo, aínda que se observe esta asociación, non está confirmada a relación causal entre as variables xenéticas e hormonais asociadas ó sexo, e a capacidade plástica do cerebro. 

En que medida afectan as condicións socioculturais nas que se desenvolve un individuo?

O ambiente sociocultural condiciona a nosa experiencia vital, os estímulos ós que nos expoñemos, a cantidade e tipo de interacións sociais (non é o mesmo relacionarse con moitas persoas e en ambientes festivos, que con poucas, e en ambientes onde predomine a agresividade ou as relación negativas), os hábitos alimentarios, etc. Estes, entre outros factores, afectan ó desenvolvemento do sistema nervioso, e posiblemente teñan un impacto na capacidade plástica que o cerebro teña na idade adulta, pero fan falta máis estudos para confirmalo.

Pode estimularse? Como e con que obxectivos?

En principio, ter un estilo de vida activo, tanto física como cognictiva e socialmente, estimula que o cerebro estea en condicións óptimas para afrontar retos que lle supoñan ter que adaptarse. Cando existen danos localizados, en principio poden deseñarse terapias especializadas para potenciar a plasticidade de certos circuítos relacionados ca función comprometida, aínda que esto é un campo que está en desenvolvemento e quédanos moito por comprender para poder deseñar terapias máis efectivas.

Canto tempo leva investigándose neste campo e os últimos avances?

A plasticidade cerebral é un concepto antigo, Cajal xa especulaba ca capacidade plástica das redes neuronais. Nos anos 70 e 80 avanzouse moito no campo, identificándose os mecanismos moleculares implicados no reforzamento e debilitamento das conexións neuronais en relación ca súa actividade, e descubriuse a existencia de períodos críticos durante os cales o cerebro é especialmente maleable. Nas últimas décadas este campo de traballo estivo relativamente tranquilo, e agora, co xurdimento de novos métodos de bioloxía molecular e microscopía, está a resurxir. 

Tiveron algún papel niso os avances tecnolóxicos?

Pódese dicir que si. Os avances tecnolóxicos determinan en boa parte o que podemos facer ou non no laboratorio. Neste caso, nos últimos dez anos tivo lugar o desenvolvemento de técnicas de transparentización de tecido e microscopía 3D en folla de luz (coñecida como microscopía lightshete). Estas técnicas permitiron retomar o estudo da plasticidade dos circuítos cerebrais cunha perspectiva holística, mentres que temos detalles a nivel de neuronas individuais, cousa que era prácticamente imposible mediante as técnicas clásicas.

Falou no Cimus sobre o mapeo da elasticidade cerebral, en que centrou a súa intervención?

Fixen un repaso da miña traxectoria científica, centrándome nos proxectos que desenvolvín durante a etapa postdoutoral, xa que son os proxectos que teñen unha maior relación co traballo que fago agora mesmo. Falei sobre TubeMap, unha metodoloxía que desenvolvemos conxuntamente varios investigadores no laboratorio de Nicolas Renier, e que permite analizar a vasculatura cerebral completa no rato. Con este método podemos analizar cambios ó nivel dos capilares cerebrais en relación ca función cerebral. A segunda parte centrouse no meu traballo analizando o potencial plástico dos axóns de proxección nas neuronas do cerebro adulto, un traballo máis relacionado co que fago actualmente no Cimus. 

De onde lle ven o seu interese por este ámbito científico?

Dende pequena tiven curiosidade por saber como funcionaba a natureza, gustábame “cacharrear” e xogar ós laboratorios cos primos, como a tantas outras nenas. Foi na adolescencia cando me empezou a chamar máis á atención o funcionamento do cerebro, aínda que non foi ata o final da carreira de Bioloxía cando tiven claro que me quería especializar neste tema.  

Cal é a súa labor investigadora?

Estudo cales son os mecanismos moleculares implicados na remodelación da conectividade cerebral adulta. Traballo en dúas direccións: estudando como cambios permanentes na experiencia sensorial poden reconfigurar a conectividade cerebral, e estudando como os estados fisiolóxicos, que son variables ó longo da vida, poden influír na capacidade plástica do noso cerebro. 

Vinculada ao Cimus desde este ano, en qué consiste o seu traballo nel?

O meu traballo como investigadora principal é liderar a formación e consolidación dun grupo centrado no estudo da plasticidade cerebral. 

Regresa a Galicia tras seis anos no estranxeiro, a qué obedece?

A volta obedece á vida persoal, á identidade (ou morriña, chámao como queiras), e ás ganas de facer ciencia dende Galicia, que é onde me formei. Marchar a facer o postdoutoramento fóra foi unha decisión puramente profesional. Apetecíame moito científicamente, e sabía que ía ser enriquecedor, polo que marchei, pero ten un custo persoal moi alto. Eu planteeimo como unha viaxe de ida e volta, e, aínda que foron anos de moita incerteza (xa que a volta non a decides ti, se non as convocatorias), finalmente saíu todo ben, e en canto me xurdiu a oportunidade de volver, puiden facelo.