A Universidade de Santiago de Compostela en loita contra o acoso sexual

A institución académica lanzou unha campaña que abarca dende as vítimas ata os acosadores

Monólito da campaña contra o  acoso sexual

Monólito da campaña contra o acoso sexual / Santi alvite

Gabriel Fernández Blach

A USC lanzou este luns unha campaña contra o acoso sexual que ten como obxectivo eliminar este tipo de violencia por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero. Dende a universidade afirman que se trata de que “as vítimas saiban a onde acudir cando sucede algo así”, declarou o reitor Antonio López.

Esta campaña expón o protocolo universitario que se debe aplicar cando suceden este tipo de situacións, o cal foi aprobado polo Consello de Goberno no ano 2016, e vai dirixida a toda a comunidade universitaria.

A partir desta semana, tanto nas redes sociais como nos centros da institución académica haberá carteis con lemas como ‘Se no teu departamento as tarefas de xestión máis ingratas e invisibles recaen de forma sistemática en ti ou nas túas compañeiras. É acoso por razón de sexo’ ou ‘Se pensas que agora “todo é acoso” e que xa non se pode dicir nada. É acoso’, ‘Se ante unha denuncia de acoso culpas á vítima. Es cómplice de acoso’, ademais doutros.

Estes lemas tamén serán expostos a través de monólitos que estarán instalados en bibliotecas e residencias de toda a USC. A Oficina de Igualdade de Xénero é a encargada de levar a cabo a xestión desta iniciativa.

Informar, formar e sensibilizar son os piares sobre os que se sustentan este plan contra este tipo de violencias. Ademais, búscase poder axilizar o proceso de actuación cando alguén sofre acoso por calquera das razóns que se expoñen.

O descoñecemento por parte do alumnado e da comunidade en xeral alimentou a creación desta campaña, a cal contou cun traballo de campo que abarcou varios meses. Ao longo deste período de tempo sometéronse a entrevistas a especialistas en xénero e LGBTQI, representantes de PDI (Personal Docente e Investigador), PAS (Personal de Administración e Servizos), alumnado dos graos e doutoramentos, ademais doutros colectivos presentes na comunidade universitaria.

Alén destas entrevistas, tiveron lugar diversas reunións que buscaban “recoller narrativas reais de acoso para valorar como se reproduce esta problemática e que tipo de consecuencias trae consigo”, declaran dende a institución académica. Por outro lado, tamén se quixo escoitar as propostas que puideran xurdir para mellorar o sistema de resposta co que conta a USC para loitar contra o acoso.

Como conclusións deste estudo saíu “a importancia do medo a denunciar, a facelo público e as represalias na vida académica, laboral ou persoal” e “o aínda presente tabú respecto a este tema, o silencio por parte da comunidade universitaria ante estes casos”. Ao longo de mes que vén sairá publicado un informe que exporá as liñas para mellorar a resposta da USC.