O circo máis contemporáneo volve aos escenarios de Santiago na VIII edición do festival D10!

Promovido polo colectivo Pista Catro o evento desenvólvese até o 7 de decembro entre o Salón Teatro, o Principal e o Auditorio

O evento busca achegar propostas contemporáneas e leva a disciplina aos teatros para desestacionalizala

Imaxe da peza ‘Rollercoaster’ do malabarista estadounidense Wes Peden

Imaxe da peza ‘Rollercoaster’ do malabarista estadounidense Wes Peden / Fahimeh Hekmatandish

Santiago xa está inmersa nunha nova edición do festival circense D10!, un evento que se iniciou o pasado día 22 de novembro (aínda que a presentación oficial tivo lugar onte) e que se vai desenvolver até o día 7 de decembro pivotando un ano máis -e xa van 8- sobre tres eixos fundamentais: a divulgación, a innovación e a formación no circo. Sen esquecer, por suposto, traer á cidade os espectáculos circenses máis contemporáneos e cun selo que vaia “máis alá do entretemento” e dirixido a público infantil pero tamén adulto. Os escenarios: o Salón Teatro, o Teatro Principal e Auditorio de Galicia.

Na mañá deste martes, o ambigú do Salón Teatro compostelán, acolleu a presentación deste evento, promovido por Pista Catro, e que conta co apoio do Centro Dramático Galego (CDG), da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), do Concello de Santiago e da Asociación de Profesionais do Circo de Galicia (APCG). En representación de cada unha destas entidades falaron José Expósito (Pista Catro); os directores de Agadic, Jacobo Sutil, e do CDG, Fran Núñez; o xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López; e Inma Ricoy, membro da directiva da APCG.

“Dende a orixe, D10! busca achegarlle ao público as propostas máis contemporáneas, así como levar o circo aos teatros”, explicaba José Expósito na presentación, que sobre este último punto afirmaba tamén que o teatro era unha forma “de desestacionalizar” os espectáculos circenses, que non só estean nas rúas ou nas prazas. Nos tres escenarios dispostos para D10! representaranse os espectáculos: Runa, de Ammer Kabbani, hoxe ás 20.30 horas no Salón Teatro; Rollercoaster, de Wes Peden, no mesmo escenario e á mesma hora o día 30; Nús, de Cèlia Marcé, o día 1 de decembro, tamén á mesma hora e no mesmo lugar que os anteriores.

Veus que no veus, da compañía Pepa Plana, o día 2 ás 20.30 h., pero desta volta no Teatro Principal, un espectáculo sobre o que Xaquín López destacou a “figura referencial de Pepa Plana, pallasa de idade que reflexiona sobre a feminidade no papel de pallasa”. E a despedida será o día 3, no Auditorio de Galicia con Ambulants de La Fam Produccións.

A divulgación e o debate están presentes no apartado ‘Circo cafés’, que celebra mesas redondas arredor da igualdade, a sostibilidade e tamén o ‘edadismo’ ou a importancia da idade dos pallasos e pallasas. Esta última, a “mesa xeracional” debaterá sobre os condicionamentos físicos, mentais, emocionais ou sociais que poden afectar ao desenvolvemento da profesión circense.

‘Identificando patróns: xerar dende a igualdade e a disidencia será outro dos coloquios, na procura “imprescindible do cuestionamento do consideramos normativo”; e a procura dun circo máis sostible tamén estará presente nos debates, cuestionándose arredor das xiras os materiais empregados coa idea central do “coidado do planeta”.

Os espazos de reflexión comezaron xa onte, con Nonsense #Cabaret de pensamento, ás 20 horas no Salón Teatro. Un encontro para explorar a relación “entre o circo e a vida”, que desta volta puxo en diálogo ao filósofo Xavier Bassas (un dos impulsores do Instituto do Tempo Suspendido -ITS-), á creadora galega e dramaturga Avelina Pérez e á monxa budista Tenzing Ngeyungdo do mosteiroChu Sup Tsang de SanAmaro (Ourense). Un evento que tamén contou con números circenses da man do colectivo galego Verticalia.

A importancia da formación

Dende o seus inicios, no décimo aniversario de Pista Catro aló por 2015, D10! tomou como eixo fundamental a formación para “fortalecer a profesión”, aseguraba Expósito. Unha cuestión que alabou o director de Agadic, Jacobo Sutil, ao referirse a que o colectivo circense organizador do festival, “loita por todo o sector e en situar Galicia no centro do panorama circense nacional”, un esforzo que lle valeu a Pista Catro o Premio de Cultura e artes escénicas 2023.

Fran Núñez, dende o CDG, puxo especial énfase na formación, xa que dende a primeria edición do festival, a entidade que o actor dirixe está totalmente implicada en afondar e formar sobre a dramaturxia dos espectáculos cirqueiros. “O circo tamén traballa con temáticas profundas e complexas”, quixo destacar Núñez, que se dixo “moi feliz de apoiar tamén a actividade formativa”. 

E como non podía ser doutro xeito, Inma Ricoy, da APCG, fixo tamén referencia ao tema formativo, e destacou que este festival é “un punto de encontro de Galicia co mellor circo internacional” onde a través das actividades formativas os profesionais reciben “impulso” para as súas creacións e no que ademais xorden “sinerxías” entre compañías procedentes de diferentes lugares e ámbitos da escena circense.

D10! trae á cidade “un circo de vangarda alonxado dos circuítos máis convencionais”, explicou Ricoy, “traballamos nun sector que está a medrar pero ao que aínda lle queda moito por facer”, polo que pediu —dirixíndose a Xaquín López— “que o INAEM siga facendo Circo a Escena”.