O aeroporto de Santiago bate en novembro a súa marca anual cun total de 3.294.815 pasaxeiros

O pasado mes usaron a terminal 208.707 viaxeiros

No que vai de ano xestionáronse máis de 4.454 toneladas de mercancías  

O aeródromo de Lavacolla medra en pasaxeiros anque con menos voos no inverno

O aeródromo de Lavacolla medra en pasaxeiros anque con menos voos no inverno / Antonio Hernández

Redacción

O aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro segue aumentando o seu volume anual de pasaxeiros e xa no pasado novembro conseguiu bater o seu récord chegando a un total de 3.294.815 viaxeiros, un 9,7% máis que no mesmo período de 2022. E todo isto a pesar de que na tempada outono-inverno o aerodrómo compostelán quedou sen 15 dos 40 destinos que operaban na tempada de verán. Este recurte afectou sobre todo ás saídas internacionais, que pasaron de ser 21 a 11. 

Segundo informa Aena, dese total de pasaxeiros, 2.581.298 empregaron voos comerciais nacionais e 801.028 realizaron viaxes internacionais, o que supón aumentos do 8,4% e do 13,6% respectivamente. Sen embargo, a cifra de persoas que elixiron Lavacolla para embarcar nun avión foi 1,5% menor que no mesmo mes de 2022, sumando 208.707 pasaxeiros.

Neste último período, segundo informa Aena, o aeroporto de Santiago rexistrou un total de 24.102 voos, o que supón un 2% máis que no mesmo mes do ano pasado. Desta cifra, 22.589 foron voos comerciais (16.765 nacionais e 5.833 internacionais, un 3,4% e un 5,8% máis que no mesmo tempo de 2022). 

Xa no mes de outubro, o aeródromo batía récord mensual de tráfico cun total de 336.438 pasaxeiros, un 1,3% máis que no mesmo mes de 2022. Naquela altura, Aena informaba de que dende comezos de xaneiro ata finais de outubro, 3.086.108 viaxeiros usaron esta infraestrutura, un 10,5% máis que no mesmo período do exercicio anterior.

En canto á terminal de carga, a xestión realizada no que vai de ano suma unhas 4.454 toneladas de carga, 2,2% máis que no mesmo período de 2022. A cifra de voos que operaron o mes pasado na pista compostelá foi de 1.606, movendo unha carga total de 427 toneladas.

Redución de voos

A maior parte dos voos retirados nesta tempada estaban operados por Ryanair, principal aeroliña no aeroporto Santiago-Rosalía de Castro en voos internacionais. Mentres durante a campaña estival o aeródromo de Lavacolla conectou Santiago con 21 terminais do resto do mundo, na tempada outono-inverno a web do xestor Aena tan só recolle unha oferta de 11 destinos.

Xa non se pode viaxar ao aeroporto principal de Basilea (aínda que se mantén o voo a Basilea Mulhouse, que opera Easyjet), nin a Boloña, Bruxelas (si á veciña Charleroi, con Ryanair), Burdeos, Edimburgo, Fránckfort, á Illa de Sal (Cabo Verde), Funchal (Madeira), Marsella e Memmingen (en Alemaña).