Mulleres emprendedoras reúnense este venres en Santiago para expoñer as súas iniciativas

Mercedes Peón, Cristina Pato, Elena Ferro, Noelia Rodríguez e María de la Fuente intervirán nunha mesa redonda no marco do VI Encontro de Emprendedoras do Programa Emega, que se desenvolverá na sede da EGAP

Arriba pola esquerda, Mercedes Peón e Cristina Pato, e abaixo María de la Fuente, Elena Ferro e Noelia Rodríguez

Arriba pola esquerda, Mercedes Peón e Cristina Pato, e abaixo María de la Fuente, Elena Ferro e Noelia Rodríguez / ECG

Emprendoras referentes en Galicia en distintos sectores debatirán no VI Encontro de Emprendedoras do Programa Emega, que se desenvolverá este venres 22 na sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a partir das 10.00 horas. A apertura do encontro correrá a cargo do reitor da USC, Antonio López, e da secretaria xeral de Igualdade, Sandra Vázquez.

Ás 10.30 horas comezará a mesa de emprendedoras de entidades de base científica xurdidas da USC, a artesanía, o cooperativismo e outras entidades de economía social, a cultura e os sectores artísticos, o comercio local ou entidades de servizos. Na mesa participará a compositora e cantante, Mercedes Peón; a música e escritora, Cristina Pato; a directora xeral de Eferro, Elena Ferro; a fundadora e directora de The Beta Factor, Noelia Rodríguez; e a cofundadora e directora executiva de Diversa, María de la Fuente.

A continuación, a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, intervirá ás 11.30 horas para falar sobre ‘Os Polos de Emprendemento de Galicia: unha oportunidade para as emprendedoras’. A partir das 12.15 horas ofrécense dinámicas presenciais de formación a cargo da doutora en Comunicación pola Universidade de Vigo, Mar Castro. Ás 13.00 horas terá lugar a clausura oficial do encontro pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, tras a cal as autoridades visitarán na sala anexa ao Salón de Actos os postos de cada unha das emprendedoras para coñecer de primeira man as súas iniciativas empresariais.

Pola tarde, a partir das 15.30 horas haberá dinámicas presenciais de formación grupais e ás 17.00 horas finalizará o encontro.

As persoas interesadas no evento que non poidan presencialo poderán seguilo por streaming.