A app dos buses urbanos seguirá a funcionar mal mentres non se resolva o novo contrato

O Pleno municipal aproba a moción do PP para que os Bonos corazón só poidan recaer en persoas empadroadas na cidade co voto en contra de PSOE e abstención de BNG e CA

As aplicacións e pantallas de localización de buses urbanos sofren un funcionamento deficiente

As aplicacións e pantallas de localización de buses urbanos sofren un funcionamento deficiente / Jesús Prieto

Cun ton bastante bronco desenvolveuse o último Pleno municipal do ano, do que se extraeu que o Goberno local non vai investir os 345.000 euros necesarios para a mellora e adaptación tecnolóxica do sistema de localización de autobuses, do que depende a aplicación telefónica que informa sobre os tempos de chegada de cada bus ás diferentes paradas. “Sería un investimento máis que xustificado, pero o novo contrato xa prevé a posta en marcha dun novo sistema de localización”, xustificaba así Xan Duro, concelleiro de Mobilidade a decisión de non acometer agora ese gasto.

O malestar foi a tónica domininante no inicio do Pleno por non estar de acordo o Partido Popular coa agrupación de diversos puntos da orde do día relativos a expedientes de pagamento de facturas. Unha decisión tomada na Xunta de voceiros pero que non contaba co beneplácito do PP por impedirlle este modo “debater punto por punto”. “A educación democrática demóstrase cando se ten o poder” e o Goberno local para o lider dos ‘populares’, Borja Verea, ten “tics totalitarios”

Superada esta polémica, un dos debates máis destacados da xornada de onte foi o relativo ao transporte urbano, cuxa frota sufriu esta semana un novo incidente, coa avaría dun dos buses que ademais acabou ardendo en Amio. O PP instou o goberno local a “convocar de forma urxente o Consello de adminstración de Tussa e realizar unha auditoría” que implique a revisión de toda frota, demandaba o edil Adrián Villa

En resposta a esta demanda, o concelleiro Xan Duro fixo referencia a que o sistema de localización dos autobuses está sen funcionar pendente tamén da “Plataforma de Mobilidade 4.0 da Xunta”. Duro explicou diante do Pleno que esta ferramenta padece dun mal funcionamento por ter agora “unha tecnoloxía non eficiente, con zonas de sombra e problemas de software”.

Unha cuestión que tería un custo de 345.000 euros para ser reparada, “un investimento máis que xustificado” que, sen embargo, o Goberno local non vai asumir porque xa “o novo contrato prevé a posta en marcha dun novo sistema de localización” de autobuses. 

Ante a pregunta do edil do PP, Adrián Villa, sobre se o problema era que “os buses de aluguer, con contrato ilegal, non teñen sistema de localización”, Xan Duro asegurou que hai “dende agosto deste ano” un informe pericial no que se indica o número de buses que deberían ser substituídos, unha ducia en total.

Bonos Corazón, só para persoas empadroadas na cidade

Outra das polémicas da xornada estivo protagonizada polo Bonos Corazón, unha iniciativa posta en marcha coa pandemia orientada á potenciación do comercio local. O PP instaba a que seincluíse no regulamento, para poder optar a estes bonos, a necesidade de estar empadroado en Santiago.

Unha iniciativa á que se opoñían tanto BNG e CA como o PSOE, pero que, sorprendentemente só contou co voto en contra dos socialistas. Pese a defender que a iniciativa estaba pensada para o comercio e a hostalaría, e non para o consumidor, a edil de Promoción económica, María Rozas, defendeu que si se estudara o tema do empadroamento, “que precisaría dun sistema informático máis complexo” e asegurou que sobre o apoio ao comercio “o tema do empadroamento ten unha importancia relativa”.

Rozas defendeu que do que se trata é de facer “de Santiago unha capital de compras” e para iso considérase importante tamén a veciñanza de concellos limítrofes, que fai as súas compras na cidade ou que traballa aquí, así como “os universitarios, que tamén fan cidade aínda que non estean censados”, aseverou a concelleira.

Uns razoamentos que foron apoiados polo PSOE, na voz da edil Mila Castro. Sen embargo as forzas que integran o Goberno local abstiveronse ante esta moción, co cal quedou aprobada. Unha abstención que para os socialistas daba mostra de que o equipo de goberno, “non son valentes”. 

Mila Castro, asegurou que os socialistas estarían de acordo cunha moción que buscase incrementar a partida orzamentaria dos Bonos Corazón e tamén colou no debate, por un instante, o aparcadoiro do CHUS (Hospital Clínico), “que tamén é de interese para o contribuínte” de Compostela, afirmou a edil socialista no Pleno.