Raxoi insiste en que a Xunta debe asumir o custo do parking do CHUS e reafirma a súa “colaboración”

Sobe o prezo do aparcamento da Choupana “porque así o indican os pregos da concesión”

A alcaldesa reúnese hoxe coa Xunta

Imaxe do Hospital Clínico (CHUS) que adoece dende hai tempo de problemas de aparcamento / Jesús Prieto

Imaxe do Hospital Clínico (CHUS) que adoece dende hai tempo de problemas de aparcamento / Jesús Prieto / Ana Triñáns

Este mediodía a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, reúnese cos conselleiros de Infraestruturas e Sanidade, Ethel Vázquez e Julio García Comesaña, para tratar a problemática do aparcamento do Hospital Clínico (CHUS), sobre o que a Xunta de Galicia comunicou esta fin de semana que lle solicitaría ao Concello de Santiago 4,8 millóns de euros, unha petición que dende Raxoi non se contempla porque como di “o estudo de mobilidade da propia Xunta afirma que o 80% das prazas de aparcamento están ocupadas por traballadores do CHUS”, recalcaba Sanmartín, que tampouco deixaba pasar, unha vez máis, o feito de que a área sanitaria vai moito máis alá de Compostela.

A preguntas dos xornalistas sobre eses 4,8 millóns de euros que debería achegar o Concello, Goretti Sanmartín afirmou que ao goberno local “non chegou ningunha proposta formal máis que a da xuntanza”, en referencia á reunión que ten lugar hoxe. Sanmartín insistiu en que “a postura do goberno local penso que está clara”, no sentido de que é a Xunta de Galicia quen debe asumir os gastos, tanto porque a maioría das prazas as ocupan traballadores do Sergas como porque a área sanitaria engloba Santiago e Barbanza. Aínda así, a alcaldesa asegurou que o Concello de Santiago “colaborará” en todo o que sexa preciso coa Xunta para resolver esta cuestión.

Ademais de solicitarlle ao Concello unha maior frecuencia de buses urbanos ao hospital, a Xunta tamén pedía a revisión das tarifas do aparcamento da Choupana, algo que a alcaldesa afirmou estar disposta a facer “se existe esa posibilidade”. Algo que parece pouco probable xa que na roda de prensa do luns para dar conta dos acordos da xunta de goberno, a alcaldesa informou sobre a suba da tarifa dese aparcamento. “Obrigan os pregos a actualizar o IPC -Imposto de Prezos ao Consumo- e debemos acatalo”. Deste xeito pásase de 2,25 euros a 2,40, un incremento do 5,7%.

Xunta de goberno local

A alcaldesa deu conta tamén doutros acordos da xunta de goberno local, máis alá das licenzas de obras, Sanmartín informou sobre a aprobación da instalación dun parque infantil do espazo socioeducativo de Rial, no lugar de Reibó, en Laraño, unha obra que conta cun prazo de execución de 40 días e orzamentada en 124.999,99 euros. Así mesmo, tamén se aprobou a construción dunha senda peonil na Silvouta, unha obra con tres meses de prazo para a súa execución e unha partida orzamentaria de 117.420 euros.

O concello renovou tamén o seu convenio de subvención co Obradoiro cunha achega de 120.000 euros.

Sobre a reclamación do PSOE local arredor da falta de información do goberno de BNG e CA en canto aos orzamentos de 2024, a alcaldesa insitiu unha vez máis en que o novo goberno local adoece “dunha situación herdada”, e afeoulle ao PSOE que “aínda estamos a agardar que presenten o borrador dos orzamentos de 2023”. Sanmartín explicou que o bipartito está a traballar sobre iso pero “e complexo resolvelo nos catro meses que levamos no goberno”.