Síguenos en redes sociales:

Máis de 100 persoas pasaron pola área de orientación laboral da USC no que vai de curso

Son só as que tiveron unha cita individualizada

Tamén na atención online axúdase a utilizar as redes para a búsqueda de emprego ou infórmase de prácticas no estranxeiro

Máis de 100 persoas pasaron pola área de orientación laboral da USC no que vai de cursoJesús Prieto

A área de orientación laboral da Universidade de Santiago, que comezou a súa actividade no ano 1998, ten como obxectivo o desenvolvemento de accións de información, formación e orientación laboral coa finalidade de mellorar as opcións de ocupabilidade e o proceso de integración laboral do estudantado de grao ou mestrado e das persoas tituladas, así como facilitarlles a transición do sistema educativo á vida laboral. No que vai de curso 2023-2024, que ven a coincidir co primeiro cuatrimestre, a área de orientación laboral da USC recibiu a unhas trinta persoas por mes no referente a citas individualizadas.

Charo García, Nuria Rey e Puri Torrente son as tres orientadoras do servizo ubicado na Rúa de Lope Gómez de Marzoa do Campus Vida, e que nestes momentos tamén prestan atención a persoas do Campus de Lugo da USC, que se centra na modalidade online, a través do correo electrónico ou videochamada.

O máis frecuente é que contacten co servizo a través do correo electrónico solicitando información ou directamente unha entrevista. As consultas máis recurrentes céntranse na “solicitude de información de mestrados ou de prácticas no estranxeiro, a elaboración dun currículo eficaz, como se deben presentar a procesos de selección ou tamén se cuestionan a utilización das redes sociais para a búsqueda de emprego”, sinalan as orientadoras en conversación con EL CORREO. Tamén se traballan competencias como a capacidade de comunicarse coas persoas. Unha das accións principais da parte de orientación laboral é o proxecto Mentoring, o cal facilita a posibilidade de establecer contacto con profesionais experimentados na área profesional da que proveñen. Neste proxecto lévanse a cabo actividades formativas e de networking dirixidas tanto ao alumnado participante como ás persoas mentoras.

Na actualidade estase desenvolvendo a IX edición do Proxecto Mentoring USC, na que se recibiron máis de 300 solicitudes de participación, “o que non quere dicir que vaian a participar todos. Na edición do curso pasado contouse con 78 alumnos/as, mentras que o número de colaboradores/as e mentores/as chegou aos 94.

Por outra banda, as actividades desenvolvidas en materia de emprego pasan pola difusión de ofertas de traballo e prácticas e pola organización de presentacións de empresas e/ou dos seus procesos de selección.

Para as tarefas de difusión xestiónase unha plataforma de emprego na que se poden rexistrar tanto o estudantado da USC como as persoas xa egresadas e que lles permite ter acceso, de xeito áxil e gratuíto, a contidos sobre ofertas de traballo e prácticas, actividades formativas e outros recursos relacionados coa mellora da súa empregabilidade e o acceso ao mundo laboral. Con esta plataforma a USC ten un punto único de referencia no que publicar as ofertas de emprego e oportunidades de prácticas extracurriculares que chegan aos distintos centros desta Universidade. Na actualidade achéganse a 2.000 os usuarios e usuarias rexistrados.

Dende o persoal coordinador resumen o significado da plataforma de emprego como “un espazo onde consultar e revisar as ofertas e postularse a elas, onde tamén se da difusión de eventos e hai unha newsletter semanal con becas, convocatorias e outros recursos”.

A maiores, nestes momentos estase a traballar nunha nova edición da Feira Virtual de Emprego da USC que se celebrará na vindeira primaveira, un evento dirixido a estudantes e persoas tituladas na Universidade e que permite o seu acceso a ofertas de traballo, charlas e foros sobre empregabilidade.

Na pasada feira, celebrada no mes de maio deste ano, o número de persoas rexistradas foi de 974 e as empresas participantes foron 34 en total. A cifra de ofertas publicadas ascendiu a 121 e os que se inscribiron nalgunhas delas foron 239. Recolléronse 773 currículos e impartíronse un total de 15 actividades.

“A xente está cada vez máis preparada para acceder ao mercado laboral”

Dende o equipo coordinador inciden en que coas accións que desenvolven veñen a ser “unha ponte entre o alumnado e o mercado laboral”. Inciden en que “non é un servizo para dar traballo, é orientación laboral, polo que tratamos de facilitar diferentes ferramentas para mellorar a empregabilidade”.

Aseguran que é un servizo que cada vez se coñece máis na universidade. “Co paso dos anos temos máis visibilidade entre o estudantado, o que se traduce en que o número de demandas aumente”, din. En definitiva defíneno como “un servizo fundamental” da institución compostelá.

Con respecto ao motivo principal que fai que as persoas acudan a este servizo as coordinadoras falan de dous aspectos: non dispoñer da información suficiente para adentrarse no mercado e afrontar o feito con medo e incerteza. “Tomar decisións resulta difícil nun momento de inseguridade como o de cando rematas unha etapa e tes que comezar unha nova”, indican. Asimesmo valoran que a pesar da existencia de moita información dispoñible na rede, “ás veces resulta complicado atopala”. Esa incerteza de como afrontar o proceso de inserción non mudou en comparativa con anos atrás, pero o que si perciben “é que a xente está cada vez máis preparada para acceder ao mercado”.

Tanto Charo García, quen tivo a última entrevista presencial da área de orientación laboral da USC cunha alumna o pasado venres, como as súas compañeiras, aseguran que o alumnado e recén titulados sae agradecido e cos obxectivos cumpridos. “Xa cando saen da primeira cita de orientación agradecen o asesoramento”, aseguran. Pero isto vai máis alá e o feedback mantense no tempo xa que “temos ecibimos mensaxes a través de correo electrónico nos que nos informan de que conseguiron traballo, e aproveitan para darnos as grazas pola orientación e axuda recibida no seu día”.

Pulsa para ver más contenido para ti