Entrevista | Borja Verea Presidente do PP de Santiago e o portavoz do grupo popular na Corporación municipal

“No goberno de Santiago hai unha clara falta de liderado, cunha alcaldesa desaparecida”

Borja Verea, presidente do PP de Santiago e portavoz do grupo popular na Corporación municipal, posa na sede de EL CORREO GALLEGO

Jesús Prieto

(Santiago, 1980) Borja Verea, líder da oposición no Concello de Santiago, fai balance dos seis primeiros meses de mandato de BNG e CA. "O que temos é un goberno que unicamente cambiou de caretas, cunha rexidora que lle tocou dirixir a cidade nunha carambola, perdendo as eleccións", sinala o portavoz municipal do PP en Raxoi.

En maio de 2022, foi proclamado novo presidente do PP de Santiago, un ano despois afrontou por primeira vez como candidato unhas eleccións municipais, nas que o seu partido logrou o apoio de máis de 18.000 composteláns, quedando a dous escanos da maioría absoluta. Que balance fai destes 21 meses como líder do PP local?

A clave estivo nas eleccións municipais, onde nos presentamos cun equipo novo, con xente moi preparada, e que ademais contra todo prognóstico rozamos a maioría absoluta. A partir de aí, as regras democráticas o que fixeron é que os tres partidos que perderon as eleccións se xuntaran para evitar, para bloquear, un goberno do partido que gañou as eleccións, e polo tanto para bloquear o meu goberno. Desde entón, estamos facendo unha oposición útil, cun obxectivo, se queremos ser un goberno útil de futuro, temos que transmitir que somos unha oposición útil e creo que o estamos demostrando.

Despois das eleccións, mostrouse aberto a chegar a un acordo co PSOE para establecer “un goberno alternativo” ao de BNG e CA. Tendo en conta como transcorreron os acontecementos dende entón, co apoio socialista á investidura de Goretti Sanmartín, volvería a facelo ou pensa que foi un erro suxerir un pacto PP-PSOE que dende un principio semellaba máis que improbable?

Non. Hai unha evidencia, o partido que está mantendo a un goberno ou a un partido de goberno que perdeu as eleccións, ademais con moita diferencia comigo, pois logrou seis concelleiros de 25, é o Partido Socialista, que está bloqueando un goberno do Partido Popular na cidade, o partido que gañou as eleccións. Ademais, estou convencido que moitos votantes socialistas composteláns me prefiren a min de alcalde que a este BNG. A partir de aí, é o Partido Socialista o que está decidindo esta situación. Polo tanto, nós mantemos o que dixemos: a porta aberta para que deixen gobernar o partido que, con moita diferenza, gañou as eleccións.

O pasado 17 de xuño, Goretti Sanmartín convertiuse en alcaldesa de Santiago. Que balance fai da xestión do actual goberno local?

Sobre todo, continuísmo e bastantes doses de decepción. O que temos é un goberno que unicamente cambiou de caretas. Tivemos Partido Socialista, Compostela Aberta e agora temos o BNG. Eu faríalle unha pregunta aos lectores deste medio de comunicación. Mellorou Santiago nos últimos nove anos? E se o lector entende que non, pois xa sabe quen son os culpables: Compostela Aberta, Partido Socialista e BNG. Ademais, neste goberno hai unha clara falta de liderado, cunha alcaldesa completamente desaparecida, completamente diluída, non se sabe quen está ao mando da cidade. O que si está claro é que hai moita ideoloxía radical neste novo goberno. Exemplos? Pois dous. Intentaron cancelar ou contraprogramar o Apóstolo facendo un acto nacionalista que non conta co apoio da maioría da Corporación e intentan substituír o Nadal por unha estrela que están poñendo por toda a cidade, cando todo o mundo sabe que a estrela é o símbolo do BNG. Deben pensar que a xente é parva.

Dende o seu grupo criticaron ao longo dos últimos meses a ausencia da alcaldesa de Santiago en determinados actos, como a Ofrenda do 25 de xullo ou a Traslatio.

Ela mesma retrátase con esas decisións. Non lle gustan os peregrinos, non lle gusta o Apóstolo, non lle gusta a Catedral, non lle gusta o Nadal. É a alcaldesa dunha cidade única no mundo, unha cidade que é completamente diferente. É certo que lle tocou dirixir a cidade nunha carambola, perdendo as eleccións, pero a partir de aí o que si ten que facer é respectar a todos os cidadáns e, por tanto, representar a cidade onde é a súa obriga. Que pasa? Como dicía antes, o que hai é moita ideoloxía radical é moi pouco de representación e de respecto institucional.

Dende o BNG acúsano, tal e como apuntaba esta mesma semana a portavoz do goberno local, Míriam Louzao, de “vivir instalado na mentira porque é o que lle cadra na súa ficción”.

Pois terán que dicir en que se minte. É triste que o goberno do BNG se dedique a insultar ao principal líder da oposición. As últimas declaracións, nas que directamente din que estou mentindo, responden a que dixen que hai un tarifazo nos prezos do Multiusos Fontes do Sar e de Santa Isabel. Que pregunten aos usuarios se subiron ou non subiron esas tarifas un 13 %, porque o están vivindo cando estes días entran nesas instalacións. Polo tanto, pediría un pouco de prudencia, de calma e de sosego antes de insultar de esa maneira tan directa.

Un dos temas que está a marcar o inicio do mandato do bipartito BNG-CA é o distanciamento entre Concello e Xunta para chegar a un acordo para a construción dun novo parking nas inmediacións do Clínico.

Nós, dende a oposición e facendo unha oposición útil cando un quere ser un goberno útil, creo que fomos moito máis alá do que nos corresponde dentro da nosa responsabilidade. Puxemos sobre a mesa un proxecto concreto e que é coñecido, que pasa por un aparcadoiro en altura utilizando o espazo do heliporto do Clínico. E e a partir de aí o que pedimos é que se desbloquee. Que pasa? Que ao goberno de Santiago acábanselle as desculpas. Primeiro, dicía que non había unha proposta concreta, e a Xunta de Galicia trasladou que a nosa proposta era a mellor. Despois, desde o goberno bipartito dixeron que querían un financiamento xusto, ao igual que no resto de cidades. E a administración autonómica pon sobre a mesa exactamente o mesmo convenio que no resto de cidades. Un convenio que lle vale a un alcalde do BNG en Pontevedra e un convenio que lle vale a unha alcaldesa do Partido Socialista en A Coruña, pero non lle vale ao goberno do bipartito en Santiago. Entón, a pregunta que nos facemos é por que non lle vale. Eu digo dúas cosas. A primeira, se eu fose alcalde, o aparcadoiro estaría xa en construción, aceptando as condicións xustas que se formularon para o resto de cidades. Pero respondendo á pregunta de por que non acepta o actual gobierno da cidade algo que aceptaron alcaldes do BNG e alcaldes do Partido Socialista, pois teño unha resposta que é triste, simplemente para mendigar uns poucos de votos a Ana Pontón e manter esa tensión coa Xunta de Galicia a costa dos intereses de todos os composteláns.

O orbital, a depuradora ou o novo edificio de viaxeiros da estación de tren están a marcar a axenda en materia de infraestruturas. Que importancia teñen estas actuacións para a cidade?

Son actuacións que veñen xa de moito tempo, que moitas están xa proxectadas, como digo, de mandatos anteriores, e que simplemente están xa en execución e o que é necesario é aceleralas. Pero infraestrutura imprescindible, infraestrutura urxente, infraestrutura inmediata, e na que ten moito que dicir o goberno local, sen depender doutras administracións, é precisamente o aparcadoiro do Hospital Clínico. Esa é a infraestrutura que temos que estar xa poñendo en marcha e que, como digo, por un simple tactismo electoral, estase xogando cos intereses de todos os composteláns para non poñela en marcha.

A posta en marcha dun novo contrato do transporte segue sendo unha materia pendente na xestión municipal. Só hai que ver o estado da actual frota de autobuses urbanos, con constantes incidencias e avarías. Cal é á súa valoración ao respecto?

Neste tema queda novamente retratado o goberno actual, porque cando se criticou do Partido Socialista que adxudicara a dedo o alugueiro de 11 autobuses, como fixo o goberno de Sánchez Bugallo, o primeiro que o criticou foi o BNG actual. E con todo, nada máis chegar ao goberno fan exactamente o mesmo. O mesmo non, peor, porque neste caso hai mala fe. Porque se o criticaron anteriormente, sabían que estaba mal feito, sabían que non se debe facer, e, non obstante, fixeron o mesmo. Volveron aprazar, a dar unha patada para diante, o que é a concesión. Nós, nesa línea de oposición útil, dixemos o que hai que facer. Mentres non esté a concesión activa, hai que facer un concurso público do alugueiro deses 23 autobuses que están a dedo, porque os composteláns merecen saber se os autobuses que hai na cidade son os mellores aos que podemos aspirar, algo que non sabemos cando a contratación é a dedo e ademais con claros indicios de ilegalidade, como di o propio interventor no seu contrato. Polo tanto, nós poñemos sobre a mesa unha solución, aínda que non queren aplicala e seguen instalados na ilegalidade e neste caso, ademais, na mala fe.

Se vostede fose alcalde de Santiago, que proxectos prioritarios desenvolvería?

Hai prioridades que nós deixamos claras tanto na campaña como nestes meses liderando a oposición. Hai tres cuestións que continúan na axenda que non se solucionan, e que afectan a todos os cidadáns. En primeiro lugar, os problemas en materia de vivenda; en segundo lugar, os problemas relacionados co caos de tráfico e de aparcadoiro; e en terceiro lugar, todo o que ten que ver co transporte público. En cada unha desas materias nós temos propostas que transformarían a cidade. En materia de vivenda, apostamos por habilitar novos polígonos e construír vivenda nova a un prezo accesible. Tamén propoñemos mobilizar vivenda baleira, e non con novos impostos como quere o goberno bipartito, senón cun bono onde se lle facilitaría aos propietarios alugar as súas vivendas. Ademais, é fundamental mellorar o investimento en materia de rehabilitación.

E no que respecta ao caos de tráfico, tamén é coñecida cal é a nosa posición, que pasa por poñer infraestruturas de aparcadoiro en lugares especialmente sensibles, como o Campus Sur, a reforma da Praza de Galicia e o o novo parking para o Hospital Clínico. Entendemos que é o xeito de pacificar as rúas, de ter unha cidade máis amable e máis familiar. Para iso se precisan novos aparcadoiros en Santiago. Nós representamos unha nova xeración que quere gobernar a cidade, somos un equipo novo, moi preparado e que temos un programa de transformación moi ambicioso, moi profundo, e que ademais foi o máis votado nas eleccións, con moitísima diferenza sobre o resto. Hai que recordar que temos prácticamente o dobre de concelleiros que o BNG e o Partido Socialista.

“A representación pública máis importante, polo que eu estou en política, é ser alcalde da miña cidade"

Vostede foi deputado no Parlamento de Galicia, e o vindeiro 18 de febreiro celebraranse eleccións autonómicas. Irá nas listas do PP?

O meu obxectivo é ser alcalde de Santiago, e para iso dedico todas as miñas enerxías. A partir de aí, se o partido e se o presidente da Xunta entenden que podo axudar ou podo contribuir noutras responsabilidades, vou estar sempre a disposición, aínda que sen perder a perspectiva de que para min a representación pública máis importante, polo que eu estou en política, é ser alcalde da miña cidade.

Cales son as súas sensacións para o 18-F, tendo en conta que o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afronta os seus primeros comicios como candidato?

Dende toda a prudencia e humildade, a miña intuición é o meu desexo é que Alfonso Rueda vai conseguir a súa primeira maioría absoluta. Por que? En primeiro lugar, porque non é só que sexa o mellor presidente, senón que tamén é o mellor candidato. É o que necesita Galicia e o está demostrando. Blindou Galicia cuns novos orzamentos, xerou estabilidade en Galicia con eses orzamentos e, a partir de aí, nesa senda de solvencia e de seriedade, deulle a palabra a todos os galegos para decidir o futuro do país fronte a todo ese barullo que hai a nivel nacional. Despois, como candidato, destacar que, ademais da súa cercanía, da súa franqueza, ten esa combinación de experiencia, pero tamén de pericia, de coñecemento, tanto dende o punto de vista político como técnico, de todo o que significa a Xunta de Galicia e os proxectos de futuro para a mesma.