As obras na Pastoriza retomaranse en canto a empresa reciba a pedra que figura no contrato

Tralo parón do Nadal, desde Raxoi explican que os traballos darán comezo de novo cando reciban os materiais requiridos

A empresa contratista das obras da Pastoriza, para proseguir cos labores de pavimentación, está agardando pola recepción de novos materiais coa resistencia adecuada

A empresa contratista das obras da Pastoriza, para proseguir cos labores de pavimentación, está agardando pola recepción de novos materiais coa resistencia adecuada / Raxoi

ECG

A empresa contratista das obras da Pastoriza, para proseguir cos labores de pavimentación, está agardando pola recepción de novos materiais coa resistencia adecuada, explican desde Raxoi, porque os subministrados inicialmente non reunían as calidades que figuran no proxecto. Ten como previsión retomar esta intervención na semana do 22 de xaneiro e o Concello velará para que se cumpran os prazos.

A fase de pavimentación de beirarrúas na Pastoriza require da colocación de elementos de pedra para posteriormente executar os formigóns. Entre finais de novembro e principios de decembro foron ensaiados materiais de pedra, como figuran nos pregos do contrato, con resultado non satisfactorio, polo que foron rexeitados o que obrigou a buscar outros provedores.

En canto se testaron e aceptaron os materiais idóneos, foron encargados no mes de decembro e, segundo información facilitada polo contratista, seranlle subministrados na semana do 22 de xaneiro para retomar a obra. A partir dese momento, a previsión de traballos de pavimentación de beirarrúas e acabados é de arredor dun mes se non hai outros imprevistos.

Para o Concello é fundamental que os materiais utilizados cumpran as condicións de calidade que marca o contrato e o compromiso é seguir traballando para garantir a mellor execución posible das obras, cun estándar de calidade e bo remate das actuacións. Aínda que todas as obras causan molestias, o resultado de humanización de espazos vai mellorar a zona, tanto para a veciñanza como para o comercio e hostalaría que alí se sitúan.