O Concello de Santiago abre a inscrición para participar no programa de conciliación do Entroido

O prazo para solicitar praza abrangue dende este luns até o venres 19 de xaneiro

Ofértanse un total de 150 prazas que ascenden a 260 coa oferta 'Vacaludos de Entroido'

A concelleira de Educación, Miriam Louzao, durante a presentación do programa de conciliación

A concelleira de Educación, Miriam Louzao, durante a presentación do programa de conciliación / ECG

O prazo de inscrición para que as familias soliciten a súa participación no programa de conciliación do Entroido do Concello de Santiago está aberto dende este luns, 15 de xaneiro, até o venres 19 de xaneiro. O anuncio deste novo programa de harmonización que se realiza por primera vez na cidade, fíxoo a concelleira de Educación, Míram Louzao, que fixo referencia a que o Goberno bipartito non quere agardar á aprobación dos orzamentos para atender "esta demanda histórica da Federación de ANPAs de Compostela.

Os días 12, 13 e 14 de febreiro, as familias que acaden unha das 150 prazas ofertadas poderán enviar os seus cativos, de entre 3 e 12 anos, aos CEIP Monte dos Postes e Quiroga Palacios en horario de 9 a 14 horas para a relización de actividades vencelladas co Carnaval. Unha festa de "alta participación na cidade", afirmou a concelleira, que fixo referencia a xoias etnográficas coma "os Xenerais da Ulla, ben de interese galego", sobre o que tamén se traballará dentro deste programa.

O prezo das actividades é de 18 euros para os 3 días de conciliación, pero a proposta tamén oferta servizo de madrugadores -ás 7.45 horas, cun total de 70 prazas e un prezo de 5 euros par ao almorzo- e servizo de comedor -con horario ata as 16 horas e un prezo de 14 euros-. Ademais, coma noutros programas de harmonización, o Concello reserva 15 prazas para aqueles nenos e nenas de familias máis vulnerables determinadas dende Servizos sociais.

Míriam Louzao quixo destacar que "O Concello asume o 50% do custo real deste programa, para todas as familias" e para aquelas máis vulnerables tamén se dispón de bonificacións do 50 e do 100% sobre os prezos das actividades, almorzo e comedor, "polo que as familias que presenten unha situación económica deficitaria poderán pagar a metade dos prezos xerais ou nada".

O criterios para a adxudicación de prazas, alén desa reserva de 15 para cativos en situación de vulnerabilidade, outórganlle preferencia aos nenos e nenas cuxos responsables traballen no horario e nos días do programa de concilición, previa presentación dun certificado acreditativo desa circunstancia. "Se non se presenta ese certificado as familias non poderán optar a esa prioridade", afirmou Louzao.

"No caso de que haxa máis solicitudes que prazas realizarase un sorteo público", afirmou a edil nacionalista, "e no caso de que sobren prazas poderán acceder nenas en nenos cuxas familias non estean a traballar eses días". As inscricións realízanse a través da web municipal e tamén poden realizarse presencialmente no Rexistro do Concello.

Atención á cativa con necesidades especiais

Outra das novidades deste programa de conciliación é a inclusión, entre o equipo de monitorado das actividades, de dous monitores de apoio en cada un dos colexios, que atenderán nenos e nenas con necesidades especiais. Así mesmo, aqueles cativos cunha discapacidade maior do 33% "que poidan desenvolver as actividades e teñan capacidade de integración no grupo poderán participar neste programa, sempre que as súas limitacións ou necesidades o permitan", afirmou a concelleira de Educación, que recalcou que o prioritario "é o benestar dos cativos".

Na mesma liña, Louzao anunciou que o Goberno local está a traballar con diversas entidades para poder achegar o programa de harmonización "ao cen por cen das familias, e por iso queremos que poidan participar tamén nenos con alta discapacidade que non poidan participar nun campamento xenérico". Neste sentido, a edil afirmou que se está a traballar dende o departamento de Servizos sociais.

Vacaludos de Entroido

A oferta do programa de conciliación compleméntase con Vacaludo de Entroido, que se desenvolverá na ludoteca María Miramontes, os días 12, 13 e 14 de febreiro de 9 a 15 horas, e onde se ofertan 73 prazas. Ademais, as escolas infantís municipais de Conxo, Fontiñas e Salgueiriños, ofertan tamén 45 prazas para actividades de Entroido dirixidas a nenos e nenas de ata 8 anos, "co que a oferta total de prazas de conciliación é de 268", concluíu Louzao.