Evitar o tumor detectando o virus do papiloma humano

O cáncro de cérvix -colo uterino- ten unha alta taxa de supervivencia pero tamén unha elevada incidencia, en España só vai por detrás do de mama (o que máis afecta entre as mulleres). Por iso é básica a prevención para a que o CHUS puxo en marcha en novembro un programa de cribado  

A xinecóloga do Hospital Clínico de Santiago Ana Señarís está especializada en oncoloxía xinecolóxica

A xinecóloga do Hospital Clínico de Santiago Ana Señarís está especializada en oncoloxía xinecolóxica / CEDIDA

O pasado mes de novembro comezou a funcionar na área sanitaria de Santiago-Barbanza o programa de cribado fronte ao VPH (virus do papiloma humano), principal causa do cancro de cérvix ou colo uterino. A mediados de mes Saúde Pública comezou a enviar os convites para participar neste estudo de prevención a mulleres dentro da ‘poboación diana’ -onde un estudo pode xeralizar resultados-, que se establece entre mulleres de 35 a 64 anos.

A especialista en oncoloxía xinecolóxica do CHUS (Hospital Clínico) Ana Señarís explica en conversa con EL CORREO en que consiste o programa de cribado, cal é a súa importancia para previr o desenvolvemento de lesións uterinas e evitar así padecer nun futuro cancro de cérvix.

“Hai dous xeitos de participar no programa” explica a xinecóloga, por un lado está a “autotoma de mostra”, que consiste en que a participante recibe no domicilio un dispositivo que lle permite recoller ela mesma unha mostra vaxinal. Por outro lado está a toma de mostra por profesionais sanitarios, “estana a realizar as matroas e os matróns dos centros de atención primaria”.

No 50% dos casos o VPH remite só, grazas ao sistema inmunitario, e nun 90% dos contaxios restantes remite nos seguintes dous anos

Ana Señarís

— Xinecóloga do CHUS

Con esta mostra de cribado o que se detecta é o VPH de alto risco (VPH-AR), xa que “en torno ao 70% dos cancros de cérvix son causados por este virus”. En función do resultado realízase unha “conoscopia, unha biopsia de tecido do colo uterino”.

Dende que o 13 de decembro do ano pasado se comezaron a recoller as probas xa foron chamadas a participar arredor de 90.000 mulleres, un dato moi importante para este tipo de “prevención secundaria”, pero tamén existe unha profilaxe primaria “que consiste en evitar a adquisición do virus”. “Temos unha vacina” subliña a xinecóloga “que se lle administra a nenas de 12 anos dende 2008 e a nenos dende 2022”. 

A doutora sinala a importancia desta vacina “non dispoñible para outro tipo de tumores” que reduce a incidencia do contaxio e destaca sobre todo a importancia de que “se conseguise a vacinación do varón, porque se trata dunha infección de transmisión sexual, se estivese cortando só unha das vías, a muller e non o varón, con consegues unha boa solución”.

Por iso tamén hai opción de vacina para persoas adultas, nomeadamente “mulleres que foran sometidas a algún tratamento por lesión no colo do útero, varóns que teñen sexo con varóns, traballadores e traballadoras do sexo e xente en situación inmunocomprometida".

 As mulleres menores de 28 anos, que non accederon á vacinación aos 12 anos, teñen agora neste cribado unha oportunidade de prevención secundaria, xa que “case un 30% de mulleres teñen unha infección por virus do papiloma nalgún momento”. 

Un contaxio que “no 50% dos casos remite só, grazas ao sistema inmunitario, nun 50% dos casos e nun 90% dos contaxios restantes remite nos seguintes dous anos”. Pero entre as mulleres que non se curan do virus existe o risco de que desenvolvan algún tipo de lesión e mesmo chegar a pacer un cancro de cérvix.

Unha forma de prevención secundaria é a utilización de métodos de barreira durante as relacións sexuais, coma o preservativo, nas relacións sexuais, “aínda que non elimina o risco de contaxio ao 100%”. Por iso a toma de mostra e a participación no cribado adquiren tanta importancia como prevención secundaria.

“No cribado detéctanse lesións precancerosas”, a evolución do cancro de cérvix é moi lenta, “poden pasar entre 10 e 15 anos dende que se produce o contaxio co virus até que se desenvolve un cancro de cérvix” advirte Señarís. A detección precoz axuda a intervir nesas lesións precancerosas cuxo tratamento é “moito máis sinxelo e menos invasivo que o do cancro de cérvix”. 

“Arredor de 90.000 mulleres participaron dende decembro no programa de cribado do virus do papiloma”

Ana Señarís

— Xinecóloga no CHUS

No caso de padecer lesións precancerosas -ou premalignas- a intervención que se realiza é a conización, “obtemos unha mostra de tecido do colo uterino en forma de cono, a muller conserva o útero e a súa capacidade reprodutiva”. Ana Señarís explica que se trata dunha “cirurxía sinxela e habitual, de carácter ambulatorio, con boa recuperación e sen grandes complicacións máis alá das que pode haber en calquera intervención cirúrxica, de aí a importancia da detección precoz das lesións” insiste a xinecóloga do CHUS.

Cando a paciente xa desenvolveu un cancro invasivo o tratamento “vai depender do estadio no que éste se diagnostique”. Nun primeiro momento pode tratarse doutra operación, desta volta xa terá que ser unha “histerectomía, é dicir, a extirpación do útero, ou unha traquelectomía, onde o que se extrae é o colo uterino -a parte inferior da vaxina-”, indica Señarís.

Na histerectomía extráese o útero -a parte superior da vaxina- pero sobre todo os parametrios -a parte afectada dos tecidos que sosteñen o útero-. “Isto supón a perda da capicidade reprodutiva e pode haber problemas de cicatrización”. 

Cando se trata dun cancro nun estadio máis avanzado é necesario recorrer a tratamentos combinados de radio e quimioterapia, “isto conleva maiores problemas, como en todo tratamento quimioterápico: risco de infección, diminución das defensas cansanzo... ou radioterápicos, que danan os ovarios, o que pode dar lugar a que a paciente entre en menopausia aínda que sexa nova”. “Pero se temos a muller vacinada xa seguramente non se chegue nunca a esta fase”, recalca Ana Señarís.

Sintomatoloxía

A xinecóloga Ana Señarís indica a importancia de que “as mulleres que sexan convidadas ao cribado “saiban que para iso botamos man da base de datos da tarxeta sanitaria pero se teñen síntomas deben consultar co seu médico de atención primaria ou co seu matrón ou matroa”. 

Débese sospeitar da presenza dun cancro, xa que “as lesións preinvasivas non adoitan dar síntomas”, “cando se produza un sangrado inespecífico, é dicir, sen relación co ciclo menstrual ou en mulleres menopáusicas, así coma sangrado durante as relacións sexuais -coitorraxias-” ou se cando se practica sexo éste é doloroso, se hai dor pélvica ou hinchazón nas pernas, que pode indicar que están bloqueadas as canles linfáticas”.’