O PP de Santiago insta ao Goberno local a elaborar unha estratexia coa que combater a soidade non desexada

Segundo os datos do IGE en Santiago hai arredor de 23.000 persoas de 64 anos ou maiores, máis do 23% da poboación total

A concelleira Yolanda Otero (PP) durante un Pleno municipal

A concelleira Yolanda Otero (PP) durante un Pleno municipal / CEDIDA

O Partido Popular compostelán volve instar o Goberno de Goretti Sanmartín a que elabore unha estratexia destinada a combater a soidade non desexada entre as persoas maiores do municipio. “Unha ferramenta”, din, que “debe ser un instrumento que, a través de varios eixes, atenda a sensibilización da poboación, a prevención, a detección e a intervención, co fin de reducir os problemas e riscos derivados” desta situación.

A edil Yolanda Otero remarcou nun comunicado enviado este sábado á prensa que “combater a soidade non desexada das persoas maiores é unha obriga do Goberno municipal, que debe previr, detectar, visibilizar e buscar vías para atender a veciñanza” que se atope nesta circunstancia, “polo que incidimos en que o Goberno do BNG ten que desenvolver novos servizos de atención ou reforzar algún dos existentes”.

Estes novos servizos, que segundo PP deberán estar “dotados con recursos activos” para seren eficaces de cara á “detección” destas situacións pasan, entre outros aspectos pola elaboración dun censo ademais da “ampliación do servizo de teleasistencia domiciliaria”. Otero recalca que unha vez detectado un caso de soidade non desexada faise necesario acompañar a persoa e así axudala a “xestionar a súa propia soidade”. 

“É necesario ofrecer á veciñanza programas municipais de atención de proximidade para apoiar e favorecer a permanencia na súa contorna habitual o maior tempo posible, potenciar a súa autonomía no propio fogar, previr situacións de dependencia, risco ou exclusión social e evitar ou retardar que teñan que ingresar nun centro residencial”, explicou a concelleira ‘popular’ Yolanda Otero.

Nesta liña a concelleira lembrou que o PP xa demandou do Goberno local “novos programas de atención a persoas maiores no seu fogar, como a adhesión a Xantar na casa ou un servizo de lavandería a domicilio”. E tamén por este motivo, Otero insiste na necesidade de reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) “para chegar ao maior número de persoas posibles”. 

Dende a bancada o PP tamén se propón, dentro deste requerimento de atención social “a implementación de recursos novos que incidan no benestar e na calidade de vida das persoas maiores, tratándose, polo tanto, de medidas idóneas dunha Estratexia municipal de soidade non desexada”. 

Desta maneira, Yolanda Otero destaca que o interese do Partido Popular tamén se centra na implementación de programas como “a posta en marcha dunha iniciativa de voluntariado sénior ou a aposta por proxectos de convivencia interxeneracional ou xeracional a través da figura das vivendas comunitarias ou cohousing, incidindo no dereito das persoas a elixir onde e como envellecer”.

Traballo voluntario de acompañamento

A concelleira do PP Yolanda Otero destacou no seu comunicado os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), segundo o cal, na actualidade residen no Concello de Santiago arredor de 23.000 persoas con 64 anos ou maiores, unha cifra que supón o 23% do total da poboación.

Unha cifra elevada que afecta máis alá das persoas beneficiarias do SAF e que require, en ocasións, o traballo voluntario de ONGs como Asdegal (Asociación Solidaria de Galicia), unha entidade que traballa en colaboración cos Servizos sociais de diversas cidades e que centraba o seu traballo o pasado verán no acompañamento de persoas residentes no barrio de Vite

“Hay muchas mujeres que viven en soledad total”, apuntaba entón Teresa Berbel, vicepresidente de Asdegal, que facía referencia tamén a persoas que viven en pisos “que no tienen ascensor, por lo que a veces no pueden ni salir”. Segundo Berbel no verán Asdegal colaboraba cunhas 15 persoas que vivían soas na cidade.