A santiaguesa Mariña Rodríguez Arrizabalaga gaña o primeiro premio ao mellor TFG

Presentáronse un total de 27 traballos que abarcan áreas como bioloxía molecular, bioquímica, biotecnoloxía vexetal, ecoloxía, microbioloxía, xenética ou zooloxía

A compostelana Mariña Rodríguez Arrizabalaga acadou o 1º Premio na categoría ao mellor TFG

A compostelana Mariña Rodríguez Arrizabalaga acadou o 1º Premio na categoría ao mellor TFG / Cedida

O Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) vén de entregar os premios aos mellores Traballos Fin de Grao (TFG) e Traballos Fin de Máster (TFM) presentados nas tres facultades de Bioloxía das universidades galegas.

Durante o ano 2023, convocouse a 1ª edición dos premios do COBGA aos mellores TFG e TFM, cun total de 37 traballos presentados (22 TFG e 15 TFM), abarcando diversas áreas desde bioloxía molecular, bioquímica, biotecnoloxía vexetal, ecoloxía, microbioloxía, xenética, zooloxía, ata bioinformática e paleontoloxía.

Os traballos foron presentados nas universidades galegas (18 na UDC, 11 na USC, e 8 na UVIGO) e avaliados segundo criterios de orixinalidade, achega innovadora, presentación e deseño, e utilidade da súa aplicación.

Dada a calidade dos traballos presentados e a igualdade dos resultados, decidiuse incrementar os premios con 4 accésits.

Así, a compostelana Mariña Rodríguez Arrizabalaga acadou o 1º Premio na categoría ao mellor TFG polo traballo "Posta a punto do uso de vivo-morfolinos para o bloqueo de expresión xénica na retina do peixe elasmobranquio Scyliorhinus canicula", presentado no grao en Bioloxía da USC.

Tamén foron premiados:

  • 2º Premio TFG. Rodrigo Varela Hoyos (A Coruña)
  • Accésit TFG. Ismael López Calvo (Culleredo)
  • 1º Premio TFM. Mario Rodríguez Pérez (Ourense)
  • Accésit TFM. Manuel Pino González (Gondomar)
  • Accésit TFM. Rita Vieito Villar (A Coruña)
  • Accésit TFM. Michelle Outeda García (A Coruña)

Promover a ciencia

A iniciativa, parte das funcións do COBGA, busca promover o progreso da Bioloxía, o desenvolvemento científico e técnico da profesión, así como o seu servizo á sociedade.

O acto da entrega de premios foi presidido polo Decano do COBGA, José A. Fernández, o Vicedecano do COBGA, Pedro Pablo Gallego, e o Decano da facultade de bioloxía da USC, Jesús Ángel López, da facultade de ciencias da UDC, Andrés Martínez e o Vicedecano da facultade de bioloxía da UVIGO, Jesús Míguez e levouse a cabo o pasado venres, 26 de xaneiro, no Auditorio do Edificio FEUGA.