aniversario

Unha década da Unidade de Rexistro de Instrucións Previas da área sanitaria

Participantes no acto conmemorativo do décimo aniversario da unidade.

Participantes no acto conmemorativo do décimo aniversario da unidade. / ecg

Redacción

A Unidade de Rexistro do Documento de Instrucións previas da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza cumpriu dez anos desde a súa posta en marcha. Fai xa por tanto unha década desde que se pode realizar no Clínico a tramitación do documento no que unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta a súa vontade sobre os coidados e tratamentos que podería precisar e sobre o destino final do seu corpo, co fin de que esta vontade sexa coñecida e respectada polos profesionais sanitarios no momento en que non se teña capacidade para facelo.

A unidade que depende do Servizo de Traballo Social cuxa responsable é Ana Guillén, comezou no Clínico para sumarse logo ao Hospital da Barbanza e vinte centros de saúde da área. Dende o comezo rexistráronse máis de 1.800 documentos, cun incremento paulatino freando esa tendencia no 2020 pero recuperándose nos sucesivos anos e con 469 documentos de instrucións previas formalizados no 2023, a maior cifra nestes dez anos.