Especial Festa na honra a san blas

Polo San Blas, festas en Sar

A Olympus actúa este venres con DJ Magán

O sábado, ao remate das misas, sesión vermú

O barrio de Sar celebra esta fin de semana a festa na honra de San Blas

O barrio de Sar celebra esta fin de semana a festa na honra de San Blas / ECG

B.C.

Esta fin de semana, o barrio compostelán de Sar vístese de gala para honrar a un dos seus santos máis queridos: San Blas.

Hoxe venres día 2 pola noite e durante mañá sábado 3 de febreiro, a alegría, a música e a tradición acompañarán a festividade relixiosa na honra do santo que, segundo explican desde a comisión “celébrase de toda a vida. Nada máis entrar na Colexiata de Sar, no campo da festa á man esquerda, temos a capela de San Blas. Hai moita devoción na parroquia”.

San Blas, recoñecido como o “avogado contra os males de garganta”, é venerado pola súa capacidade para sandar doenzas, especialmente aquelas relacionadas coa gorxa. A súa fama fundaméntase nun milagre lendario que relata a curación dun neno ao que unha espiña de peixe se lle cravou na garganta. Desde entón, a súa devoción perdurou ao longo dos séculos, marcando a vida e as tradicións de moitos pobos e cidades, incluído o barrio de Sar.

Verbena coa Olympus

A celebración dará comezo hoxe venres día 2 cunha gran verbena que promete poñer a todo o público a bailar. Os ritmos de DJ Magán e a enerxía contaxiosa da sonada orquestra Olympus principiarán unha fin de semana chea de emoción e diversión.

“Vai haber postos de rosquilleiras desde primeira hora da mañá do sábado ata a tarde. Tamén teremos postos de bocadillos, patacas ou churros”

O sábado 3, a xornada comeza cedo con misas matinais que se oficiarán cada hora, desde as 9 da mañá ata o mediodía. Posteriormente, a atmosfera festiva estenderase coa participación da Agrupación Folclórica Colexiata do Sar e o dúo Dilema, que prometen animar a sesión vermú con melodías que ecoan no corazón da tradición galega.

A tarde dará paso a un novo acto litúrxico ás 19:00 horas coa participación do Orfeón Tradicional da Colexiata do Sar.

Xa pola noite, a verbena continuará co dúo Dilema e a formación Zona Zero. Será unha fin de semana chea de devoción, música e camaradería. Como adoita dicirse: “Polo San Blas, hora e media máis" para achegarse a gozar das tradición no barrio de Sar.