Borja Verea denuncia que o BNG e o PSOE están a destrozar o mercado de aluguer en Santiago

O líder do PP esixe ao goberno local que “poña en marcha fórmulas efectivas que arranxen este grave problema que padece Compostela”

Escaparate dunha axencia inmobiliaria situada na capital galega

Escaparate dunha axencia inmobiliaria situada na capital galega / JESÚS PRIETO

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, denunciou onte que o BNG e o PSOE están a destrozar o mercado de aluguer en Santiago, polo que a capital de Galicia sofre “un grave problema de vivenda, “a xente non atopa vivenda de calidade a prezos asumibles, mentres hai miles de pisos baleiros sen utilizar”, polo que lle esixe ao Goberno nacionalista “que poña en marcha fórmulas efectivas que arranxen o grave problema que padece Compostela”.

Ante esta situación, Verea lembrou que “o Partido Popular propón facilitar que os numerosos inmobles baleiros entren, novamente, no mercado de aluguer, defendendo aos pequenos propietarios e poñendo en marcha distintas iniciativas como é o Bono Vivenda”.

Esta medida, engadiu, permitiría mobilizar numerosas vivendas baleiras, polo que “co millón de euros que o BNG quere gastar en mercar só 3 ou 4 pisos, nós lograríamos sacar ao mercado 300 vivendas de aluguer”, explicou. Con este bono, o propietario recibiría unha renda fixa por parte do Concello e este sería o encargado de xestionar o alugueiro a un prezo asequible, para xente xoven, familias, maiores e persoas sen recursos.

Así mesmo, o líder popular propón un programa de créditos brandos, en colaboración público-privada, que despregue unha estratexia global de rehabilitación. “Ademais de fomentar a dinamización de polígonos de vivendas que están pendentes de desenvolver e procurar solucións ‘express’ para os ocupas, 24/48 horas fóra dos pisos que non están pagando”, indicou.

“A nosa xestión nesta materia serviría para darlle máis seguridade e garantías aos pequenos propietarios de pisos en alugueiro, porque nós queremos que todo o mundo teña dereito a unha vivenda digna”, asegurou o portavoz municipal popular. “Desde o PP queremos menos impostos, mentres que o tripartito aposta por controlar os prezos da xente que quere alugar os seus pisos, e nós queremos todo o contrario, liberdade para os propietarios para facilitar a colocación deses inmobles nos mercados, porque o intervencionismo, algo que parece estar de moda no goberno do Estado, apoiado polo BNG, non é a forma de traballar do Partido Popular”, sinalou Verea.

Deste xeito, o Partido Popular reclámalle ao Goberno do BNG que “asuma a súa responsabilidade e poña en marcha todas as potencialidades que ten, é dicir, todas as fórmulas administrativas, regulamentarias, de planificación de promoción, para acadar en Compostela unha política de vivenda 100 por 100 santiaguesa”.

Pequenos propietarios

Ademais, Borja Verea lamentou que a única ocorrencia que ten o Goberno nacionalista e os seus socios, no eido da vivenda para Santiago, sexa controlar e limitar os prezos dos alugueiros, que “suporá menos pisos en zonas tensionadas e prezos máis altos, loxicamente, nas zonas onde non se van limitar os prezos”, afirmou Borja Verea.