A Corporación local compostelá renova o seu compromiso a prol da igualdade

Comprométense á “erradicación de todas as formas de discriminación cara ás mulleres”

Dedidacarase "un mínimo do 1%" dos orzamentos ao desenvolvemento destas políticas

Compostela celebra o Día Internacional das Mulleres coa lectura dun manifesto

Jesús Prieto

Un 8 de marzo máis a Corporación local de Santiago subscribiu un novo compromiso a prol das políticas de igualdade no Concello, e fíxoo a través da declaración institucional do 8M. Con lectura compartida dos representantes das catro forzas políticas do Consistorio -BNG (Míriam Louzao), CA (Xan Duro), PSOE (Mercedes Rosón) e PP (Borja Rubio)-, ademais das palabras da alcaldesa Goretti Sanmartín, a Corporación comprometeuse coa “erradicación de todas as formas de discriminación cara ás mulleres”.

Un compromiso que se substenta sobre seis puntos chave, os dous primeiros vencellados ao movemento feminista apoiando as mobilizacións convocadas neste 8M e a posta a disposición dos colectivos das infraestruturas municipais.

Así mesmo, os edís que representan a veciñanza compostelá asumiron a tarefa de “fortalecer os servizos municipais de igualdade e traballar na prevención de calquera forma de violencia”, así como dedicar “un mínimo do 1% dos orzamentos do Concello” á realización de políticas de igualdade e prevención das agresións de xénero. O CIM (Centro de Información ás Mulleres) así coma o Plan de Igualdade tamén foron protagonistas desta declaración institucional.

Por un lado, dotarase o CIM do “persoal suficiente para garantir ás mulleres en xeral, e especialmente, ás vítimas da violencia de xénero”. E a Corporación ao completo, e o Goberno municipal en particular, comprometéronse tamén para este ano 2024 a elaboración do Plan de Igualdade.

Á edil de Capital Cultural, Míriam Louzao, correspondeulle a lectura das iniciativas levadas até o de agora polo novo Goberno municipal. A declaración institucional destaca a entrada en vigor do Protocolo para a abordaxe das violencias sexuais e LGBTfóbicas no ocio nocturno (en novembro) e a reactivación da Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, en xaneiro.