Emotivo acto de despedida ao alumnado da undécima promoción do mestrado en Avogacía

A Escola de Práctica Xurídica de Santiago organizou a ceremonia este venres no Salón Nobre do Colexio de Fonseca

Acto de despedida da 11ª promoción do mestrado en Avogacía celebrado este venres no Colexio de Fonseca

Acto de despedida da 11ª promoción do mestrado en Avogacía celebrado este venres no Colexio de Fonseca / Cedida

ECG

A Escola de Práctica Xurídica (EPX) de Santiago, dependente da USC e do Colexio de Avogados de Santiago, celebrou este venres 15 de marzo pola tarde o seu tradicional acto anual para despedir aos 45 alumnos e alumnas da undécima promoción (2022/2024) do Mestrado Universitario en Avogacía.

Ao acto, celebrado no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, asistiron 300 persoas e serviu ademais para recoñecer a colaboración das distintas institucións e profesionais que participan nas actividades formativas da Escola de Práctica Xurídica.

A celebración do acto contou coa presenza do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde; o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, José Tronchoni.

Tamén estiveron presentes os decanos do Colexio da Avogacía de Santiago, Francisco Rabuñal, e do Colexio de Procuradores de Santiago, Fernando González-Concheiro; o xuíz decano de Santiago, Andrés Lago Louro, representantes das forzas de seguridade e varios alcaldes e alcaldesas da comarca, entre outras autoridades académicas, da administración de xustiza e das administracións públicas.

Ademais do alumnado da promoción 2022-2024, acompañado dunha importante representación dos seus familiares, asistiu tamén a este acto o corpo docente do mestrado, formado por profesorado universitario, profesorado externo e titores/as de prácticas externas.