Mar Caldas: “A memoria democrática é moi intensa nos netos pero existe o risco de que se perda”

Dirixe o filme ‘12 de maio de 1937’ participante na MICE e é profesora de fotografía na Facultade de Belas Artes de Pontevedra

Mar Caldas é profesora de fotografía en Belas Artes

Mar Caldas é profesora de fotografía en Belas Artes / Antonio Hernández

Mar Caldas trae á 19ª edición da MICE (Mostra Internacional de Cinema Etnográfico) a estrea do seu filme de mediametraxe 12 de maio de 1937, un proxecto documental a través do que conta a historia do seu avó, José Caldas, sindicalista e concelleiro en Vigo polo PSOE que foi fusilado polas forzas franquistas en 1937.

“O meu avó era obreiro do metal, sempre estivo no sindicato metalúrxico, pertencía á Unión Xeral de Traballadores”, conta Mar Caldas. “Sempre tivo a inquedanza de estudar, tivo estudos de náutica, comercio... E acabou sendo mestre de taller da Escola de Traballo”. “Á vez, era socialista e tivo varios cargos dentro do sindicato”, e foi desta maneira como chegou a ser concelleiro en Vigo, cando acadou a alcaldía o Partido Socialista”, e deixou de selo logo do Alzamento das forzas franquistas en Galicia, en 1936

A partir de aí, a través de 12 de maio de 1937, a historia de José Caldas é común á de moitos homes e mulleres posicionados politicamente naquela altura, e defensores da lexitimidade da II República. “Cando foi o Alzamento el estaba no Concello, reunido, o 20 de xullo, ese día detivérono, xunto co alcalde e outro concelleiro que estaba alí”, explica a cineasta, “pero ese día non o levaron á cadea, soltárono, até o 20 de agosto, aí houbo un rexistro e levárono preso”. Nove meses despois era fusilado no Castro (Vigo) e Mar Caldas non pode deixar pasar a casualidade de que no tempo no que se xesta un embarazo “el estivo esperando a morte”.

Un filme longamente pensado

A idea deste traballo remóntase aproximadamente a 2014, mentres Mar Caldas coordinaba na facultade unha mostra que versaba sobre as fosas e a represión franquista. Conta a cineasta que facer algún proxecto coa historia do seu avó “foi algo que sempre me chamou pero que tamén o sentía con moita responsabilidade, xa que atinxe a toda a familia, é delicado”. 

Así, mentres buscaba o ton máis axeitado chegou a proposta de Manuel Sendón para participar en ‘Cabodano’, intervencións en Vigo a raíz dos libros do Centro de Estudos Fotográficos. Caldas xa estaba “a facer gravacións de audio á miña nai, buscando máis detalles”.

 “Daquela aínda non sabía moi que formato darlle a todo aquilo, sabía que non quería unha entrevista de testemuño directo, senón algo máis distanciado”, explica, porque o interese estaba en non quedar no límite familiar, senón conseguir certa distancia e que “a emocionalidade non lle restase carácter político á historia”

“Tamén falo de mulleres, doulles o seu espazo, elas soportaron unha violencia continuada ao longo dos anos”

Mar Caldas

— Directora do filme participante na MICE '12 de maio de 1937'

Con ‘Cabodano’ Mar Caldas chegou ao Arquivo Pacheco e puido ver como as fotos de Vigo se cruzaban coa historia familiar, “por exemplo, a foto do Castro, onde fusilaron o meu avó, ou a da praza da Constitución, onde era concelleiro, onde estaba o antigo Concello”. “Entón, vin que a partir de aí podía ir artellando as fotografías, facer ese vaivén entre fotos de crónica social, familiar, historia da cidade, máis social, máis colectiva”.

E foi así que se acabou de xestar 12 de maio de 1937. Con voz falada, con texto narrado, fotografías familiares, históricas e certo grao de teoría da fotografía... todo adubiado co deseño sonoro de Marcos Maril. Sempre na procura de que a historia de José Caldas fose familiar e colectiva, como o foi o conflito, e que a emotividade non solapase o contido político. 

Mulleres e memoria

“Tamén me preocupaba ao facer o traballo sobre o meu avó, que é unha violencia brutal, un asasinato, que aí opacase as mulleres da familia, que ao final foron as sobrevivintes, as que soportaron unha violencia continuada ao longo dos anos, no cotiá, no social, co empobrecemento”, di a artista, satisfeita de conseguir que no filme “falo das mulleres, a ollada feminista permitiume darlles o seu espazo”.

Un espazo ligado á memoria demócratica, “eu souben da historia do meu avó falando coa miña nai e coa miña avoa”, reflexiona Caldas, elas foron as transmisoras do legado de José Caldas, por iso o filme acaba con dúas pregutnas: “Que hai que facer con este legado? Cal é a responsabilidade?”.

Caldas ten claro cal é o compromiso porque “a xeración das netas e netos, coñece a historia, é a memoria de segunda xeración, que se vive de forma moi intensa, a través do relato, das imaxes, pero está claro que a partir de aí está o risco de que esa memoria se perda”. Por iso ela considera que a memoria democrática está viva, “no presente, por moito que non se queira ver”, e fala así ao respecto da actualidade, “estamos vendo ameazas de regresión, de querer silenciar, pasar páxina”. 

A película compite na Sección oficial Galicia cos proxectos A revolución (é) probable, de María Ruido, Paula Barreiro-López e Lee Douglas; Habitar, de Anxos Fazáns; e Lavadoiro, de Ana Amado e Lois Patiño. A MICE decorre até o martes 26 e é este domingo cando se entregan os galardóns aos filmes competidores, no Auditorio do Museo do Pobo Galego, sede da mostra.

A mostra MICE entrega os seus premios no Museo do Pobo

Un total de 13 películas, catro delas galegas, optan hoxe ao Premio MICE -Mostra Internacional de Cinema Etnográfico- ao Mellor filme, nunha gala de entrega de galardóns que se desenvolve a partir das 12.30h., no Auditorio do Museo do Pobo Galego.

A decisión adóptana os membros do xurado, que nesta edición está conformado por Cartherina Barbour do Trinity College (Irlanda), a cineasta Adriana Páramo -fundadora do Galician Film Forum de Londres (Reino Unido)- e o cineasta e profesor Eloy Domínguez Serén.

Ademais do MICE ao Mellor filme, recoñécese o mellor traballo da Sección oficial Galicia, e todos os competidores optan ao Agantro, galardón da Asociación Galega de Antropoloxía cuxo xurado está integrado polos seus membros Iria Vázquez, Víctor Villar e Íñigo Sánchez. O listado de galardóns complétase co Premio CREA, que outorga a Asociación Galega de Profesionais da Realización e a Dirección e o Premio do Público.