Os populares esixen ao goberno municipal a creación dun Plan Estratéxico de Mocidade

O concelleiro Borja Rubio recorda que xa foi aprobado no pleno de decembro por unanimidade

O concelleiro popular Borja Rubio en rolda de prensa

O concelleiro popular Borja Rubio en rolda de prensa / Cedida

Redacción

O Partido Popular de Santiago, reclama ao goberno municipal a elaboración dun Plan Estratéxico de Mocidade tal e como se recolle na Lei de Xuventude de Galicia. Aspiran a que sexa un plan para atender as demandas e necesidades do conxunto da mocidade compostelá.

En palabras do concelleiro popular, Borja Rubio, “a situación actual demanda unha atención especial cara este colectivo, máis alá de medidas efectistas como os orzamentos participativos, enfrontando desafíos en áreas cruciais como emprego, educación, cultura, emprendemento, creatividade, servizos sociais, igualdade e participación”.

Para o edil popular na actualidade é “un claro signo de abandono” a falta dunha folla de ruta dialogada con axentes implicados en materia de xuventude “para ter un horizonte claro no noso concello”.

Por ese motivo, despois da moción aprobada por unanimidade no pasado mes de decembro, esíxelle ao BNG que traballe e facilite os procesos participativos para a elaboración deste plan. Así, Rubio Somoza explicou que “acordouse en pleno traballar para a aprobación do borrador que estaba feito pola anterior corporación e tres meses despois non temos ningunha nova ao respecto”.

Borja Rubio insistiu no tema. “Comezo a comprender que non se pode pedir demasiado en certas materias ao Bloque pero estaría ben que respectasen os acordos plenarios e máis cando se toman por unanimidade coma o pasado mes de decembro”.

Ademais fixo fincapé en que “nunca na historia de Compostela existiu un Plan Estratéxico para a Mocidade a pesar de ser aprobado no ano 2020 e no ano 23 por unanimidade no pleno”. Pensando xa no presente, Borja Rubio lamentou os “nove meses de goberno nacionalista en minoría para non facer nada neste eido”.