O Concello recoñece a sete persoeiros que “engrandecen a historia” de Compostela
Outorgáronse as Medallas de Ouro a Tareixa Navaza e a Luís Pasín e nomeáronse Fillos Predilectos a Ramón Baltar, Aurora Pereira, ambos a título póstumo, e a Ezequiel Méndez
José Porto Buceta e Manuel Quintáns, xa falecido, recibiron a distinción de Fillos Adoptivos
O Teatro Principal de Santiago acolleu este xoves o acto de entrega de títulos, honras e condecoracións a sete persoeiros cuxas traxectorias vitais e profesionais están unidas á historia de Compostela e contribuíron ao progreso da cidade en distintos ámbitos.
Na cerimonia estiveron presentes Luís Pasín, Tareixa Navaza e José Porto, así como os representantes do resto das persoas recoñecidas: Javier Baltar, sobriño de Ramón Baltar; Xosé Manuel Beiras, parella de Aurora Pereira; Belén Quintáns, filla de Manuel Quintáns e Ricardo Gurriarán, en nome de Ezequiel Méndez, que non puido asistir ao acto. Todas eles asinaron no Libro de Honra do Concello antes de comezar o acto.
Tras a actuación musical de apertura a cargo do pianista Javier Otero, a presentadora do acto, a artista Soledad Felloza, deu paso ao Secretario Xeral do Pleno, José Manuel González García, que deu lectura ao acordo plenario da sesión do 29 de febreiro de 2024 na que se aprobou a concesión de Títulos, Honras e Condecoracións do Concello de Santiago nas categorías de Medallas de Ouro da Cidade e Fillas e Fillos Predilectos e Adoptivos ás persoas distinguidas.
A continuación, interviu a tenenta de alcaldesa, María Rozas, que reivindicou que este evento “non é só un acto de recoñecemento, senón que é sobre todo un exercicio de autoestima colectiva, porque o que é Santiago débello a homes e mulleres como as que hoxe homenaxeamos”.
Posteriormente, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín e os concelleiros Gonzalo Muíños (PSdeG), Borja Verea (PP), Xesús Domínguez (BNG), Manuel César (BNG), Pilar Lueiro (BNG), Miríam Louzao (BNG) e María Rozas (CA) entregaron as distincións. Tras un repaso polas traxectorias vitais de cada un dos persoeiros, fíxoselle entrega de cadanseu pergamiño, realizados por Susana Vázquez Pereira, e dunha insignia a modo de recoñecemento.
El pleno de Santiago otorga la Medalla de Oro de la ciudad a Tereixa Navaza y Luís Pasín Liñares
Sanmartín pechou o acto cun discurso no que agradeceu o labor destes “homes e mulleres que engrandecen a nosa historia, que fan esta cidade aínda máis fermosa”. Entre as achegas destas figuras á Compostela, a rexedora quixo salientar “a defensa do benestar social, a solidariedade con quen máis o necesita, a aposta pola sanidade e o ensino público, polo dereito á vivenda e á memoria ou a urxencia de reclamar unha voz propia están hoxe neste acto a través das súas historias de vida”, referencias “que queremos para Santiago” porque “son eses os valores polos que traballamos cada día, con ilusión. Son o espello en que nos reflectir”.
A alcaldesa amosouse “orgullosa” de compartir coas persoas distinguidas uns valores comúns “que nos axudan hoxe a albiscar un horizonte fermoso, se entre todas e todos somos quen de sumar esforzos por esa Compostela que tanto nos importa, por ese concello que sabe ser vangarda, que sabe defender os seus intereses, que se presenta ao mundo con orgullo e identidade de seu”.
Medallas de Ouro
Recoñeceuse coa Medalla de Ouro de Santiago á xornalista Tareixa Navaza por “manter coa súa voz en alto o compromiso co país e coa loita pola igualdade” a través dunha voz “que nos fala da vida íntima da cidade e nos trae a memoria familiar dun tempo e dun país” e “comprometida coas reclamacións dun lugar para as mulleres e unhas liberdades para todas”.
Tamén recibiu esta distinción Luís Pasín Liñares polo seu labor “en prol da democracia, a participación veciñal e a memoria histórica de Compostela” como “voz veciñal e militante entusiasta da democracia” que o converteu en “memoria activa” do seu barrio de Conxo.
Fillos Predilectos
O médico e director hospitalario Ramón Baltar Domínguez foi nomeado Fillo Predilecto da cidade a título póstumo por ser un “exemplo de militancia cívica, comprometido coa loita pola democracia nos momentos máis difíciles e acollendo e protexendo a vítimas da ditadura” así como polo seu labor como “protector de artistas” e a súa participación en “proxectos de reconstrución da cultura galega na posguerra, como a recuperación da casa de Rosalía de Castro e o Padroado Rosalía de Castro, do que foi conselleiro”.
A pintora Aurora Pereira Carballo “Aurichu” recibiu o título de Filla Predilecta a título póstumo pola súa traxectoria como artista plástica e como deseñadora de roupa e doutros obxectos á fronte durante máis de 25 anos da súa coñecida tenda ‘Xanela’ no corazón histórico da cidade, recoñecendo a súa “creatividade artística, á súa significación comercial e veciñal e ao seu activismo cultural e político”.
Esta honra tamén foi para o divulgador e activista cultural Ezequiel Méndez Vidal, polo seu “labor en prol da creación e a divulgación das artes escénicas e visuais e o seu activismo cultural” ao longo da súa prolífica carreira como escritor, actor de teatro, impulsor de varios cineclubes na cidade, productor audiovisual e editor.
Fillos Adoptivos
Recibiu o título de Fillo Adoptivo da cidade o sacerdote José Porto Buceta polo seu “labor de dinamización da parroquia e do barrio de Sar, apegado ás necesidades da veciñanza” durante os seus máis de 50 anos como párroco do barrio. O profesor Manuel Quintáns Suárez tamén foi nomeado Fillo Adoptivo a título póstumo, pola súa “inxente e laboriosa obra dedicada ás humanidades, á narración oral, ao conto tradicional, ao refraneiro e á cultura popular”.
Temas
Más en Santiago
-
A residencia de estudantes do antigo hospital de Galeras funcionará como hotel durante o verán
-
Fina Calleja: “Una obra de teatro como 'Made in Galiza' ofrece humor tierno a ratos y corrosivo”
-
Horarios de los conciertos del festival O Son do Camiño 2024 con Green Day como estrellas en Santiago
-
Trasladado al hospital tras sufrir un accidente con un patinete en la avenida de Castelao