O tramo de estrada entre Santa Clara e San Caetano, no compostelán barrio da Pastoriza, abriuse por completo ao tráfico no mediodía deste martes, logo de que o edil de Obras, Xesús Domínguez, anunciase en rolda de prensa a "inminente" apertura pese a non estar totalmente completa a obra. Segundo explicou Domínguez, aínda quedan áreas nas que se ten que consolidar o formigón -zonas de estacionamento e carga e descarga- e o pintado da vía, logo de 7 meses de traballos, con demoras nos prazos por parte da empresa adxudicataria que obrigaron ao Goberno bipartito a rescindir o contrato.
Hartazgo entre los vecinos de la rúa Pastoriza por el retraso en las obras: “A xente está desesperada”
Coa rúa aberta ao tráfico en ambos os sentidos -a comezos de ano habilitouse tan só a circulación en dirección norte- resta agora afinar o resultado final da obra. Segundo explicou Domínguez, "hai que reubicar os colectores do lixo, repoñer os tres puntos de alumeado exterior previstos e tamén as árbores", como parte da humanización desta área de acceso á cidade. Estas obras de reurbanización, aprobadas en maio de 2023 en sesión extraordinaria da xunta de goberno, contaba cunha base de licitación de 331.735 euros e tiñan por obxectivo recuperar para o uso peonil esta rúa ampliando o espazo dos camiñantes e reducindo o ancho da calzada.
A desesperación de veciños e comerciantes
Hai agora xa dous meses, EL CORREO GALLEGO daba conta da desesperación da veciñanza da rúa, cunhas obras previstas para 3 meses que se prolongaron até os 7, "a xente está desesperada, é unha vergoña que isto siga así", comentaban os residentes. A demora nas obras debeuse, entre outras causas á falta de materiais e tamén ás inclemencias meteorolóxicas que impediron continuar os traballos, pero no mes de febreiro a veciñanza queixábase de que "pasaron semanas enteiras sen chover e non viñeron traballar".
Los comerciantes de Pastoriza temen que las obras que arrancan el lunes resten clientela
As obras iniciáronse a mediados do mes de setembro, coincidindo tamén co comezo do curso escolar, un detalle que complicou seriamente a circulación polas vías alternativas, as avenidas de Xoán XXII e Coimbra, nos primeiros días de traballos. O colapso de tráfico, motivado sobre todo pola proximidade de colexios coma o López Ferreiro ou San Jorge deu lugar a numerosas queixas dos residentes na zona.