A escritora Fina Casalderrey percorre as similitudes entre as letras e a gastronomía

Fina Casalderrey este xoves nos cursos de lingua e cultura galegas

Fina Casalderrey este xoves nos cursos de lingua e cultura galegas / Ecg

A escritora e académica Fina Casaldarrey ofreceulle onte ao alumnado dos XXXIII Cursos de lingua e cultura galegas Galego sen fronteiras, procedente dunha vintena de países, un percorrido por algúns dos trazos en común entre as letras e a gastronomía. A autora é moi coñecida polos seus libros para o púlbico infantil e xuvenil, aos que agora suma tamén a súa primeira novela para adultos, A muller xabaril. Pero Casaldarrey é tamén unha virtuosa cociñeira que ten asinados xunto a Mariano García varios libros relacionados coa arte culinaria.

“En Galicia, literatura e gastronomía son como xemelgas univitelinas que ata sufriron xuntas o menosprezo e o silencio. Hoxe, dende as feridas, dáse unha eclosión de ambas, favorecida polo contexto sociocultural”, analizaba a autora no curso Galego sen fronteiras.

Bo momento para as letras galegas e tamén para a cociña do país, que forman, afirma a autora, un binomio perfectamente relacionado. “A literatura é coma o sal, reforza os sabores. En múltiples ocasións bota man de símiles gastronómicos para contar, imaxinar, crear mundos, e a gastronomía apóiase cada vez máis na literatura para lles poñer alma aos seus pratos. A literatura mostra os sabores, os recendos da palabra cociñada a lume maino; do mesmo modo, a gastronomía é a lectura sublime das posibilidades dos produtos alimenticios”, engadiu Casalderrey.

Fina Casaderrey compartiu por último reflexións sobre a escrita para o público máis novo, que require, asegura, un traballo de síntese especial: “Os comedores de nécoras saben que para levar un pouco de carne rica á boca hai que facer moitas cascas. Os especialistas en literatura infantil saben da sutil economía da linguaxe, onde cada palabra significa máis”. A súa propia obra é boa proba da efectividade desta receita.

Despois de tres anos de obrigada interrupción pola pandemia, a Real Academia Galega e o ILG retomaron este ano a celebración dos Cursos de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia. A trixésimo terceira edición, organizada co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, será clausurada o próximo luns 24 na Facultade de Filosofía da USC.