Entrevista | Manuel Manquiña Actor

“O home e o can ten un presuposto pequeno pero está chegando á xente”

Chega ás salas de cine 'O home e o can', dirixida por Ángel de la Cruz e protagonizada por Manuel Manquiña e Paula Chaves.

O actor Manuel Manquiña nunha escea de ‘O home e o can’

O actor Manuel Manquiña nunha escea de ‘O home e o can’ / CEDIDA

O vindeiro día 20 de outubro a premiada película O home e o can, dirixida por Ángel de la Cruz e protagonizada por Manuel Manquiña e Paula Chaves, chega ás salas de cine. O filme foi rodado integramente en branco e negro e supón unha volta ás nosas orixes: a unha Galicia rural cada vez máis despoboada. O recoñecido actor Manuel Manquiña asegura que esta película non decepciona porque conta unha historia “moi bonita e cunha sensibilidade especial”.

O home e o can estréase o día 20 deste mes en cines, pero xa ten 13 galardóns. Cal é o segredo do seu éxito?

A xente o que di xeralmente é que lle gusta moito o tratamento que o filme lle dá a varios problemas, dos que non éramos conscientes que existían no guión, e que preocupan hoxe en día, como son o abandono do rural e das persoas maiores, que precisan axuda, así como os síndromes que limitan as actitudes das persoas. Creo que todo isto lle chega ao espectador e aos xurados que decidiron premiar a película en diferentes aspectos. Ten premios do público, a mellor guión, a mellor interpretación masculina e feminina, a mellor dirección... En xeral creo que a sensibilidade que esperta o tratamento deses temas é a clave da súa boa acollida.

O filme amosa unha Galicia cada vez máis despoboada. Non cre que trala pandemia esa situación cambiou un pouco?

Ás veces aparecen novas nese sentido, de xente que busca no rural unha forma de vida, pero hai dous aspectos distintos: unha cousa é ser urbano e buscar unha casa no rural, pero seguir tendo un traballo na cidade, e outra cousa distinta e ir vivir ao rural e adicarse ao gando ou a agricultura. O traballo no rural é complicado e por iso moita xente o abandona. Os prezos véñense abaixo por competencias desleais e todo isto fai que sexa difícil a permanencia no rural vivindo do rural. Outra cousa ben distinta, como dixen, é ter un traballo na cidade e ir vivir a uns quilómetros.

"Á xente gústalle o tratamento que o filme lle dá a varios problemas, dos que non éramos conscientes que existían no guión, e que preocupan hoxe en día, como son o abandono do rural e das persoas maiores"

Co seu personaxe amosa un rexistro distinto ao habitual. Sentiuse cómodo no drama?

A verdade é que si. Ao principio tiña dificultades para crear un personaxe que fose crible e digno. Era complicado facer visibles nel as carencias lingüísticas e de raciocinio que tiña por padecer un síndrome. Era un guión demasiado intelectual para ese individuo e por iso o primeiro que fixen foi quitarlle texto, crear un personaxe de instintos máis primarios, e unha vez atopado ese camiño todo foi máis doado.

Está satisfeito coa súa actuación na película?

A verdade é que si. Sempre un se examina con certo pudor, pero axuda moito o recoñecemento dos demais, que neste caso é así. Ás veces recibo piropos e non estou completamente satisfeito co traballo, e ás veces dáse a situación contraria. Pero ao final o espectador é o que ten o criterio final. E con este personaxe a xente si que me di que lles cheguei.

É un apaixonado da música. A banda sonora do filme, de Jaime Fernández, e o videoclip de Pauliña están funcionando moi ben. Que lle parecen?

A banda sonora acompaña moitos momentos dramáticos e sensibles e esa panxoliña que compuxo Paula é un acerto porque é unha melodía que chega moito. Cando gravamos díxome: “teño unha panxoliña para ti. Queres que cha cante?” E a verdade é que me custou aguantar a emoción.

Cambiando de tema. Moita xente segue coñecéndoo polo personaxe de Pazos en Airbag. Moléstalle ou agradéceo?

Hai unha frase xenial que di o meu amigo e compañeiro Luis Zahera: “mellor encasillado que na casa co brazo cruzado” (ri). Ás veces a xente cre que estar encasillado che pode molestar, pero case sempre os actores aos que nos pasa iso estamos agradecidos a ese personaxe. Con todo, a frase redonda é a de Luis.

Fai cine, televisión, teatro... Hai algún xénero que prefira?

Gústanme as tres e gústame variar, pero a televisión como espectáculo non me dá tanta satisfacción como o audiovisual. Cando estás nunha serie que ten dúas ou tres tempadas chega un momento no que cansa. Eu cando vexo “capítulo 1.300” sempre penso que ten un gran mérito saír da gravación e xa ter que estudar o guión do seguinte día. Nese sentido recoñezo que a televisión me dá poucas satisfaccións, así e todo tiven sorte porque nunca a tiven que padecer moito. Ás veces é mellor ter papeis que che permitan ir e vir e non protagonistas porque o ritmo da televisión é moi esclavo.

"Hai unha frase xenial que di o meu amigo e compañeiro Luis Zahera: mellor encasillado que na casa co brazo cruzado”

Que proxectos ten entre mans?

Agora estamos pendentes da estrea dunha película que fixen con Emilio Martínez- Lázaro que se chama Un hípster en la España vacía. Tamén se estreará a segunda tempada de El inmortal en Movistar, onde teño un papel curto pero xeitoso. Polo demais, como digo sempre, cando hai proxectos non me gusta falar deles ata que están feitos e cobrados. Non merece a pena falar de cousas que non se fixeron aínda.

E para rematar. Por que todo o mundo debería ir ao cine a ver ‘O home e o can’?

Porque ten varias cousas que lle poden gustar ao espectador. É unha historia sinxela contada dun xeito moi directo, sen grandes pretensións porque non pode telas, xa que conta cun presuposto pequeno, pero que está chegando á xente. É unha historia bonita contada cunha sensibilidade especial. A nós sorprendeunos máis o resultado unha vez estreada que durante a propia rodaxe. Por iso creo que é unha película que non decepciona.