Gordofobia: a forma de violencia máis normalizada

Nutricionistas e psicólogos denuncian que o sistema sanitario non lles presta a atención adecuada ás persoas con quilos de máis

Dos 130 factores que inflúen no peso, só un 30% son modificables e dependen de nós

A ansiedade, depresión ou trastornos de alimentación están a orde do día entre os que sofren estos prexuízos

Unha médica mídelle o ventre a unha muller con exceso de peso

Unha médica mídelle o ventre a unha muller con exceso de peso / PEAKSTOCK

A comunmente coñecida como gordofobia refírese a toda práctica, discurso ou acción que prexulga ou rexeita os dereitos das persoas baixo o pretexto da gordura. Estos días está de feito en boca de todos pola recente morte da actriz Itziar Castro, xa que as mensaxes nas redes centradas no seu aspecto corporal non se fixeron esperar. O estigma do peso, que así se lle chama de maneira formal, “é a violencia máis normalizada porque está socialmente aceptada”. Así o asegura a dietista-nutricionista Lidia Folgar, que forma parte do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia.

“As persoas que teñen gordofobia pensan que aquelas cun exceso de peso están así porque queren, porque comen moita cantidade, e doces ou precociñados e non se preocupan pola saúde. E isto é algo que se ve tanto no eido sanitario, como a nivel social e laboral”, explica Lidia Folgar.

“As persoas que teñen gordofobia pensan que aquelas cun exceso de peso están así porque queren, porque comen moita cantidade, e doces ou precociñados e non se preocupan pola saúde. E isto é algo que se ve tanto no eido sanitario, como a nivel social e laboral”

Lidia Folgar

— Dietista-nutricionista

A especialista lembra que o corpo non evidencia como se alimenta unha persoa. “Non ten nada que ver. De feito dos 130 factores que infúen no peso, só un 30% son modificables e dependen de nós”, indica a experta. “Por xenética xa se ven bebés con corpos máis gordos, ou na mesma familia hai dous irmáns que se alimentan do mesmo xeito e un sae coa xenética materna e outra coa paterna”, explica.

Ademais Lidia Folgar lembra que hai que ser conscientes antes de prexulgar de que moita xente con quilos de máis padece un trastorno de alimentación. “O trastorno por atracón é o máis común, e as persoas que viven con este estigma de peso, ven agravado o seu problema. E si, teñen hábitos de alimentación mellorables, pero ao mellor non son peores que os doutra persoa delgada”, asegura. “O trastorno por atracón está moi asociado a experiencias traumáticas na adolescencia e normalmente non ten que ver coa comida senón que se manifesta a través dela”.

Lidia Folgar leva 17 anos exercendo a súa profesión e ao longo deste tempo viu con frecuencia como a xente só se preocupa pola saúde dun amigo ou familiar cando hai unha subida ou unha baixada de peso. “É moi común velo en dous irmáns. Un ten unha tendencia maior a engordar pero come ben, e o outro é máis selectivo cos alimentos e come catro cousas de valor nutricional pobre, pero levamos ao nutricionista ao que engorda porque nos preocupa o aumento de peso e non os hábitos”.

Eido sanitario

A nutricionista explica que a diferenza da gordofobia, outros tipos de violencia si se castigan socialmente, pero o estigma do peso “está moi normalizado porque forma parte do eido sanitario”, di. “Hai moitos estudos que falan disto. Os sanitarios con estigma de peso reducen o tempo en consulta que lles dedican ás persoas con corpos gordos porque xa consideran que é un caso perdido. A comunicación é máis pobre porque hai tanta carga de xuízo que o paciente non se abre porque sabe que o único que lle dirán é que ten que adelgazar”. En consecuencia, di, “o risco para a saúde é maior porque non adoitan pedir axuda profesional. Néganlles probas médicas e dinlles que volvan cando adelgacen ou saen cunha dieta. Hai unha clara discriminación que, ademais, empeora a saúde mental destas persoas”, asegura.

"Os sanitarios con estigma do peso reducen o tempo en consulta que lles dedican ás persoas con corpos gordos porque xa consideran que é un caso perdido. A comunicación é máis pobre porque hai tanta carga de xuízo que o paciente non se abre"

Lidia Folgar

— Dietista-nutricionista

Saúde mental

Carmen Hermo, coordinadora da Comisión de Psicoloxía do Deporte do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia explica que este tipo de violencia existe porque a sociedade está chea de prexuízos. “Asociamos a saúde con estar delgado, poñendo o peso no centro”, di. No tocante ás persoas que teñen gordofobia considera que son individuos de mentalidade ríxida. “É xente pouco informada, e con angustia por non ter o control sobre todo. En xeral, non son capaces de tolerar a diversidade e están cargados de medos”, explica.

“A xente que ten gordofobia son persoas pouco informadas, e con angustia por non ter o control sobre todo. En xeral, non son capaces de tolerar a diversidade e están cargados de medos”

Carmen Hermo

— Psicóloga

Respecto ás persoas que máis sofren as consecuencias deste tipo de violencia, a psicóloga explica que son máis visibles nos adolescentes pero que os adultos tamén as sofren. “Como xa teñen a vida limitada dende hai tempo por aguantar esta discriminación, xa non se nota. Parece que xa forma parte das súas vidas e podes pensar que pola súa idade ou carácter non lles apetece facer certas cousas ou que non teñen complexos, pero non é así. Levan tanto tempo sufrindo que xa non teñen nin voz para dicir que iso doe”.

Consecuencias

As persoas que viven co estigma do peso adoitan ter problemas de saúde mental como “trastornos do estado de ánimo e depresivos, problemas de ansiedade como fobias que logo poden derivar en fobias sociais”, indica a psicóloga. Ademais non podemos esquecer que a relación destas persoas cos alimentos non é natural. “Desde sempre, incluso desde a propia casa e dende as entidades que supostamente os queren coidar, se lles di que o que os alimenta é negativo e que o que lles gusta é negativo... E todo isto pode derivar nun trastorno da conduta alimentaria”, sinala. “Ás veces incluso tamén se dan condutas autolesivas”, engade.

Está dacordo a psicóloga coa nutricionista, Lidia Folar, en que o propio sistema sanitario xulga as persoas con exceso de peso. “Todos os seus males son por iso. E baixando de peso xa se soluciona todo? Ao final todo o mundo lles di que o están facendo mal, que non teñen sitio”, denuncia. “Moita xente lles di: tes que coidarte. E que é coidarse? Todos temos internet e acceso a un médico ou nutricionista para saber comer. Ao mellor para esa persoa coidarse é mimar a súa saúde mental e saír á rúa e olvidarse de que a súa vida non é só o exceso de peso”.

Estética

Carmen Hermo considera que as persoas lle damos tanto valor á estética “que estamos perdendo a capacidade de ver o fermoso e estamos aceptando a enfermidade de estar fraco e obsesionado co peso como desexable. Non vemos malo que unha persoa deixe de lado a familia para correr moitos quilómetros cada día para queimar as calorías, pero sí que alguén teña quilos de máis”, sentencia.

"As persoas dámoslle tanto valor á estética que estamos perdendo a capacidade de ver o fermoso e estamos aceptando a enfermidade de estar fraco e obsesionado co peso como desexable"

Carmen Hermo

— Psicóloga

“Os dereitos fundamentais das persoas non cambian porque unha persoa sexa gorda ou non”. Así o recalca Carmen Hermo, que a pesar de todo se mostra optimista ante a idea de erradicar este tipo de violencia tan normalizada. “Espero que en 50 anos teñamos máis flexibilidade mental. Agora hai moitas accións positivas que mostran que o valor das persoas non reside nos seus corpos”.