Asementeira, un espazo web para o estudantado de Comunicación

O portal foi presentado na Facultade de Ciencias da Comunicación

Estará dispoñible para os alumnos xa graduados

Este novo espazo é un punto de conexión para estudantes e empregadores

Este novo espazo é un punto de conexión para estudantes e empregadores / santi alvite

O alumnado dos graos en Xornalismo, Comunicación Audiovisual e o Dobre Grao en estas materias poderán amosar a súa creatividade por medio do espazo multimedia Asementeira.gal, presentado onte na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC coa participación do alumnado titor do centro; a decana, Ana Isabel Rodríguez; a secretaria xeral de Medios da Xunta de Galicia, Silvia Valdés; o profesorado que coordina o proxecto e o equipo de redes sociais do centro.

Esta nova plataforma concibiuse como punto de encontro e de conexión entre as novas xeracións de xornalistas e comunicadores audiovisuais e os posibles empregadores, empresas e/ou institucións, que poidan ter interese en descubrir e observar as novas tendencias creativas das mozas e mozos no contorno dos medios de comunicación.

Ademais, estará dispoñible, tamén, para antigo alumnado da Facultade de Ciencias de Comunicación que queira visibilizar as súas creacións neste espazo, polo que pretende construír unha comunidade ampla de persoas usuarias que vaia máis aló dos aproximadamente 600 estudantes que anualmente pasan polas aulas da Facultade.

Un entorno fresco

O obxectivo do proxecto é ofrecer un contorno fresco, moderno e áxil adaptado á mirada da xeración Z, que sirva de fiestra para a visibilización do talento da comunidade de estudantes e no que se exploren novas formas de comunicar.

Con isto en mente, para levalo a cabo púxose en marcha esta colaboración entre a Universidade e a Xunta de Galicia a través da Facultade de Ciencias da Comunicación e da Secretaría Xeral de Medios, coa que se pretende contribuír á innovación do xornalismo e da comunicación en galego, desde o enfoque das novas xeracións nativas dixitais.

Este novo medio de visibilización dos novos formatos xornalísticos e de comunicación que elabore o alumnado leva por título asementeira.gal e nel converxen proxectos variados distribuídos en seccións organizadas arredor de elementos multimedia (audio, imaxe e texto), e tamén permite a busca por autorías, de xeito que este espazo actúa como portafolio dixital de quen decida ceder os dereitos de exhibición das súas obras para esta plataforma multimedia. O proxecto consta dunha páxina web e a súa correspondente versión para dispositivos móbiles, e estará conectado coas redes sociais da Facultade de Ciencias da Comunicación.