Opinión | OLLADAS AO PAÍS

Persoas, veciñas, cidadás e consumidoras

ESTA SEXTA, 15-M, celebrouse o Día Mundial das persoas consumidoras. Boa oportunidade, logo, para botarmos unha ollada ás necesidades da protección da persoa consumidora na Galicia, no Estado e na Unión Europea, neste 2024.

Van aló 40 anos da primeira lexislación estatal e galega (o Estatuto Galego de Consumidores e Usuarios) e máis de 30 da primeira lexislación tuitiva europea a respecto das cláusulas abusivas nos contratos com persoas consumidoras. Unha Directiva europea que non foi asumida polo Tribunal Supremo español até que o Tribunal e Xustiza da Unión Europea (TXUE) lle obrigou. Porque o Dereito español da Transición deixou baleira, seica conscientemente, a protección das persoas consumidoras nas súas relacións cos Bancos e entidades financeiras. 

De feito, a competencia da Administración autonómica galega non acada as relacións das persoas consumidoras coas entidades bancarias, sen que o Banco de España, malia ser delegado do Banco Central Europeo para definir as boas prácticas bancarias, substitúa esta competencia por non tela atribuída. O sistema administrativo do Estado español deixa ao pairo ás persoas consumidoras nas súas relacións coas entidades bancarias e financeiras.

Mais sucesivas sentenzas do TXUE determinaron a prol das consumidoras: i) a abusividade da cláusula de chan ii) a irretroactividade desta declaración xudicial dende o minuto un e iii) a abusividade da cláusula dos gastos hipotecarios. Velaí porque a protección do consumidor no eido bancario ficou adiada no Estado entre 20 e 23 anos despois da Directiva europea que tentaba titorizar estes dereitos.

Por outra banda, a protección da persoa consumidora ten que sobardar hoxendía as fórmulas de protección reactiva e individualizada tradicionais e asumir unha proposta, certamente apartidista, mais fondamente política e solidaria co conxunto da sociedade, do territorio e do ambiente natural. O labor das organizacións de persoas consumidoras ha comprender a problemática do consumo no contexto da problemática da produción, da distribución, da calidade dos servizos públicos, do ambiente, da protección de dados persoais, da Intelixencia Artificial ou da xustiza fiscal redistributiva. Tamén ha concretar o seu centro de gravidade territorial, porque os criterios globais de protección á persoa consumidora han ser concretados país por país. Neste contexto, as organizacións de consumidoras galegas haberán ter unha praxe axustada ao territorio e ter Galicia como ese preciso centro de gravidade e medida das cousas todas.

Esta praxe axustada ao territorio require, xa que logo, integrar esa nova visión da protección á persoa consumidora, no caso da Galicia, coa cooperación das asociacións -tamén galegas- que artellan os sectores produtivos, das organizacións galegas ecoloxistas e ambientalistas e mesmo das organizacións da distribución comercial galega de proximidade, porque os intereses dunhas e outras entidades, duns e outros sectores, son certamente compatíbeis, cando non, moitas veces, comúns. 

Velaí que iniciativas ben recentes como a cooperación das organizacións de protección das persoas consumidoras coas agrarias e ecoloxistas ou a defensa das mesmas persoas consumidoras diante do uso abusivo de dados biométricos sinalen níveis de esixencia cada vez máis políticos e globais para as entidades de protección das persoas consumidoras.